CONSORCIO

O alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece un concerto este sábado no auditorio do centro

16/03/2018 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ofrece mañá sábado, 17 de marzo, un concerto do seu alumnado do Curso de Especialización Instrumental, que toca o violín, a viola, o violoncello, o contrabaixo, a frauta, o óboe, o clarinete, o fagot, a trompa, a trompeta, otrombón e a percusión. Sumaranse ademais alumnos/as convidados/as de diferentes conservatorios de Galicia. A cita será no auditorio do propio centro, ás 21:00 horas, e as entradas serán gratuítas ata completar o aforo.

A actuación terá unha duración aproximada dunha hora. A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía de Galicia.

Sinfonía "Londres" de Haydn e Sinfonía "Inacabada" de Schubert
Os/as intérpretes noveis comezarán coa interpretación da Sinfonía nº 104 "Londres", do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos máximos representantes do período clásico e coñecido como "o pai da sinfonía" pola súa aportación ao xénero. Esta é a súa derradeira sinfonía e a última das doce coñecidas como "Sinfonías de Londres", que o autor compuxo para o público londiniense.

A continuación, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a Sinfonía "Inacabada", do tamén austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do romanticismo musical. Esta obra foi descuberta varios anos despois da morte do compositor. O nome de "Inacabada" débese a que só consta de dous movementos, aínda que nada demostra que Schubert pensara facer o resto, co que a obra podería estar completa. Moitos opinan que a abandonou ao ter coñecemento de que padecía sífilis.

Compartir: