PLENO

O Pleno dá o visto bo por unanimidade ao regulamento do Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade

15/03/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe, por unanimidade, o regulamento do Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade. Trátase dun órgano consultivo de participación cidadá para a análise, asesoramento e seguimento das accións en materia de cooperación internacional ao desenvolvemento. Entre os seus obxectivos está o de dar resposta ás necesidades e demandas do fenómeno migratorio.

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, foi a encargada de defender un regulamento que, dixo, "é o froito dun longo traballo, non só por parte da Administración municipal, senón sobre todo da Coordinadora Galega de ONGs". O seu presidente, Alejandro Quiñoá, interveu tamén no pleno desta tarde para reclamar que "as cuestións relacionadas coa cooperación internacional ao desenvolvemento queden alonxadas das liortas políticas". Tamén quixo poñer en valor que "Santiago é unha das poucas cidades que teñen en marcha unha convocatoria de axudas de cooperación ao desenvolvemento, da que temos que sentirnos orgullosos e orgullosas".

O Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade será un órgano permanente de participación, asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate. A súa función será a de canalizar a participación comunitaria en temas de cooperación para o desenvolvemento, educación para a cidadanía global e acción humanitaria do Concello de Santiago. Nel estarán representadas as asociacións veciñais, as organizacións no gobernamentais para o desenvolvemento radicadas en Santiago ou que teñan realizado actividades en Compostela, o Consello Económico e Social, o Foro Cívico, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Foro Galego da Inmigración, a USC e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta.

Outros acordos
Tamén por unanimidade, na sesión desta tarde aprobáronse o convenio de colaboración coa Xunta para a asunción da convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos unitarios para o acceso ás diferentes categorías dos corpos da Policía Local, e a modificación dos estatutos da Asociación de Concellos para a promoción e desenvolvemento do Camiño Inglés.

Xa no apartado das mocións, recibiu luz verde por unanimidade a presentada polo PP para a mellora de catro pontes sobre a vía férrea na parroquia de Marrozos e a urxente reparación doutra en Busto. Tamén se aprobou a moción presentada polo BNG para reclamar a recuperación dos dereitos dos traballadores da administración de xustiza que continúan en folga. Por último, saiu adiante a moción de Compostela Aberta para solicitar a modificación da Lei de Arrendamentos Urbanos, para favorecer o acceso ao alugueiro.

Compartir: