CONSORCIO

A Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais ofrece un concerto benéfico a favor de Aldeas Infantís este venres en Vigo

14/03/2018 A Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, ofrece este venres, 16 de marzo, un concerto benéfico en Vigo a favor de Aldeas Infantís SOS Galicia, de axuda á infancia. A cita será no Teatro Afundación ás 20:00 horas.

As entradas poden adquirirse de xeito anticipado nas sedes de Afundación en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña. O día do concerto estarán a disposición do público, dende unha hora e media antes do inicio do mesmo, no despacho de billetes do Teatro Afundación de Vigo.

A Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais está integrada por alumnado do Curso de Especialización Instrumental do centro, que toca o violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón e a percusión. Sumaranse ademais intérpretes convidados/as de diferentes conservatorios de Galicia.

A cita musical terá unha duración aproximada dunha hora. A batuta levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais e da Real Filharmonía de Galicia.

Os/as músicos/as noveis comezarán coa interpretación da Sinfonía nº 104 "Londres" do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), un dos máximos representantes do período clásico e coñecido como "o pai da sinfonía" pola súa aportación ao xénero. Esta é a súa derradeira sinfonía e a última das doce coñecidas como "Sinfonías de Londres", que o autor compuxo para o público londiniense.

A continuación, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a Sinfonía "Inacaba" do tamén austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do romanticismo musical. Esta obra foi descuberta varios anos despois da morte do compositor. O nome de "Inacabada" débese a que só consta de dous movementos, aínda que nada demostra que Schubert pensara facer o resto, co que a obra podería estar completa. Moitos opinan que a abandonou ao decatarse de que padecía sífilis.

O concerto repetirase o sábado en Santiago, no Auditorio da Escola, ás 21:00 horas, onde as entradas serán gratuítas ata completar o aforo.

Compartir: