XUNTA DE GOBERNO

Complétase a reurbanización das mazás de República do Salvador e San Pedro de Mezonzo

29/12/2006 A última Xunta de Goberno do ano, en sesión extraordinaria, aprobou o proxecto complementario do proxecto de reurbanización da mazá da República do Salvador (tramo Alfredo Brañas-Xeneral Pardiñas) e da mazá de San Pedro de Mezonzo (tramo Diego de Muros-República Arxentina), por importe de 109.797 euros. A execución deste proxecto tamén foi adxudicada e o prazo de execución é dun mes.

Outras adxudicacións feitas polo Goberno local foron as de acondicionamento das oficinas do Padrón, ubicadas nos sotos do Pazo de Raxoi, por importe de 35.707 euros; as obras de mantemento e conservación do enlousado do Casco Histórico (novembro de 2006), por 59.900 euros; e as obras de abastecemento de auga potable aos lugares de Torre e Igrexa (A Sionlla), cun custo de 59.810 euros.

Entre os acordos da Xunta de Goberno tamén figura a ampliación da data de peche da pista de xeo instalada na explanada de Salgueiriños ata o 14 de xaneiro. En materia de Mercados, acordouse a actualización das tarifas polo período novembro 2005 – novembro 2006. A variación ascende ao 2,60%. Esta revisión de tarifas realízase cada ano en función do IPC, a instancia do concesionario e previo acordo da Corporación.

Convenios

En canto a convenios, aprobouse a sinatura dun Convenio coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, coa fin de levar a cabo un programa de información, orientación e inserción socio-laboral para emigrantes retornados e inmigrantes. O programa consistirá no funcionamento dunha unidade de información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral por parte do Concello. Con tal fin, achegaranse 67.435 euros, destinados a sufragar os gastos do persoal necesario para o funcionamento da oficina: un licenciado en dereito, un diplomado en traballo social e un auxiliar administrativo especializados nas áreas de estranxeiría e emigración.

Finalmente, deuse conta do Convenio de cooperación entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o Concello para a creación de tres escolas infantís municipais para nenos de 0 a 3 anos, integradas na Rede Galega de escolas infantís(Galescolas). Crearanse en Boisaca-Polígono do Tambre, San Roque e Praza da Constitución. O orzamento é de 1.657.004 euros, distribuídos en tres anualidades.

Rematadas as obras destas Escolas, estas integraranse no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que se encargará do mantemento das mesmas, cuxo financiamento será compartido entre Xunta (40%), Concello (30%) e usuarios (30%).

Compartir: