LINGUA

O premiado espectáculo "Euria (Choiva)", proposta destacada do Apego para este mes de marzo

09/03/2018 O calendario do Apego de marzo trae varias propostas familiares, entre as que destaca a representación de Euria (Choiva, que vén de gañar o premio ao mellor espectáculo na Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas (FETEN 2017). Teatro, música e contos completan a oferta programática do mes.

O Centro Sociocultural de Vite acollerá a primeira proposta do mes este sábado 10 de marzo, de 11:00 a 12:00 horas, con A busca dos animais, xogos de recoñecemento e expresión corporal ao son da música. Está dirixido a nenos e nenas de 2 a 4 anos e a inscrición pode facerse ata o xoves 8 de marzo a través do teléfono 981 542 490.

A seguinte cita será o mércores 14, ás 18:30 horas, no CSC do Ensanche, cunha charla para pais e nais interesados/as en identificar e adquirir ferramentas para manexar os ritmos de desenvolvemento naturais do seu fillo ou filla. Titúlase "Desenvolvemento das crianzas, estimulación e sinais de alerta" e estará impartida por María Paredes, pedagoga e educadora infantil. A participación é aberta a completar a capacidade da sala.

Contacontos
O pozo das señoras Rilo & Penadique é o título do espectáculo de música, narración e monicreques que se representará o venres 16 ás 18:00 horas, no Centro Cívico do Romaño. Da man de Vero Rilo e Sonsoles Penadique e no marco do Festival Atlántica, esta proposta está dirixida a crianzas a partir dos 3 anos. Entrada libre ata completar aforo.

Outra sesión de contacontos é a prevista para o mécores 21, ás 17:30 horas, no CSC do Ensanche. En A viaxe de Lup, Soledad Felloza conta a historia de Lupodivico Fernando Gómez de Tipiminí, un lobo moito mas pequecho que o nome tan longo que lle puxera a súa nai, e por iso todo o mundo lle chama Lup. Un día preparou a súa maleta e marchou dar a volta ao mundo. Un xersei, unha bufanda, unhas medias moi quentiñas de la, un libro de contos, unha pucha, unha mantiña, a cámara de fotos e…unha chupeta! Unha chupeta é una cousa para levar nunha viaxe tan divertida?

Este espectáculo está dirixido a nenos e nenas de 10 meses a 3 anos. Hai 25 prazas dispoñibles, polo que é precisa a inscrición entre o 10 e o 15 de marzo a través do correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal.

Teatro
A oferta teatral do mes inclúe a representación de O conto da Azuzaina, de Limiar Teatro, o domingo 18, ás 18:30 horas, no Teatro Principal. Este espectáculo familiar integra música en directo, malabares e manipulación de obxectos para tratar a temática da diversidade familiar dende una perspectiva lúdica e festiva, partindo da seguinte pregunta: Que é una familia normal? A túa.

Á imprenta da Azuzaina chega un encargo urxente: o libro das familias. Os operarios terán que dar o mellor deles mesmos e usar as máis aloucadas estratexias para completar o traballo a tempo. Un marabilloso xoguete escénico sobre as familias para gozar en familia e dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos.

As entradas teñen un prezo de 4 euros, se ben se pode adquirir un bono familiar (4 entradas) por 12 euros. Véndense no despacho de billetes do Teatro Principal de martes a sábado (+ día do evento) de 18:00 a 21:00 horas, e tamén en entradas.abanca.com.

Poema visual
Tamén no Teatro Principal, o sábado 24 ás 18:30 horas, terá lugar a representación de Euria (Choiva) pola compañía vasca Markeliñe. Este premiado espectáculo é un poema visual, unha proposta sen palabras, teatro sen voz. Choiva fala dese tempo necesario no que a tristeza nos acompaña para acougar o que nos doe e, aos poucos, adaptarnos á nova situación. Que as perdas, grandes ou pequenas, son un feito natural. E que esta circunstancia da vida tamén debería ser explicada na infancia.

A obra, dirixida a nenos e nenas a partir de 6 anos, foi galardoada co premio ao mellor espectáculo nos FETEN 2017. As entradas teñen un prezo de 4 euros, coa posibilidade de adquirir un bono familiar (4 entradas) por 12 euros, tamén a través do despacho de billetes do Principal ou de entradas.abanca.com.

Obradoiro
Ese mesmo sábado 24, o Apego completa a súa programación de marzo cun Obradoiro de recoñecemento das árbores. Será no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), en Belvís, a partir das 11:30 horas. Con este taller preténdese transmitirlles aos pequenos e pequenas da casa a importancia que teñen as árbores para o Planeta, en xeral, e para os seres humanos, en particular, e iniciar o seu coñecemento e recoñecemento das diferentes árbores que podemos encontrar en Compostela, concretamente no parque de Belvís.

Esta é unha actividade para rapaces e rapazas a partir de 6 anos. A participación é de balde, pero precisa inscrición a través do teléfono 981 543 145 ou do correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: