ACCIÓN CULTURAL

Adriana Calcanhotto presenta "A mulher do Pau-Brasil" no Auditorio

07/03/2018 Adriana Calcanhotto estrea o seu novo espectáculo, A mulher do Pau-Brasil en abril deste ano en Portugal e, nese mesmo mes, terémola presentándoo en Compostela. Este espectáculo marca a volta aos escenarios dunha das artistas brasileiras máis queridas no país veciño. O concerto de Santiago será o venres 27 ás 20.30 h, no Auditorio de Galicia.

Nomeada Embaixadora da Lingua Portuguesa pola Universidade de Coimbra en 2015, Adriana Calcanhotto ten desenvolvido un traballo de divulgación e estudo da literatura portuguesa xunto a diversas universidades europeas e brasileiras. Actualmente, no Brasil é vista como a "Embaixadora da Universidade de Coimbra" e, en Europa, séntese cada vez mais "A mulher do Pau-Brasil".
Inspirada polo movemento modernista brasileiro dos anos 20, no seu Manifesto da Poesía Pau-Brasil, a súa influencia sobre o Tropicalismo (toda a información externa debe ser devorada e reinventada nos seus propios termos), e con base na aprendizaxe, pescuda e traballos realizados como profesora e embaixadora da Universidade de Coimbra, Adriana Calcanhotto crea un novo espectáculo, no cal reflicte todas estas novas experiencias. Éxitos, novas cancións, novas lecturas e reinvencións. Nestes concertos, Adriana Calcanhotto estará acompañada por Gabriel Muzak (guitarra, mpc e voz), e Ricardo Dias Gomes (piano, baixo e voz).

Entradas á venda
As entradas están xa á venda a un prezo de 20 euros. Poden mercarse en entradas.abanca.com, no 981 910 522 ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado e días de evento, de 18:00 a 21:00 h) e, o mesmo día do concerto, tamén no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.

Bio e discografía
Adriana Calcanhotto iniciou a súa traxectoria artística a mediados dos anos oitenta, con presentacións en bares e casas nocturnas de súa cidade natal, Porto Alegre, no sur do Brasil. Tras unha serie de temporadas con éxito no circuíto vangardista de São Paulo, foi convidada a cantar en Río de Janeiro en febreiro de 1989. A boa repercusión da crítica levouna ao seu primeiro disco, Enguiço, en 1990. Tras el viñeron Senhas (1992), A fábrica do poema (1994) ou Maritmo (1998), para chegar no 2000 ao seu primeiro disco ao vivo, Público.

No 2002 gravou Cantada e no ano 2004 naceu o heterónimo infantil Adriana Partimpim, que estreou disco homónimo e organizou un espectáculo teatral, proxecto co que gañou un Grammy Latino na categoría de Mellor Álbum Infantil. Partimpim volvería aparecer en outros dous traballos: Dois no 2009 e Tlês no 2012. Despois do éxito de Partimpim, Adriana fixo unha xira por Europa co show +Ela, e xa de volta ao Brasil gravou o seu sexto álbum, Maré (2008), o segundo da triloxía mariña. En 2011 produciu o seu primeiro disco enteiramente autoral, O micróbio do samba, e máis adiante retoma o formato de voz e violín estreando en Lisboa o espectáculo Olhos de onda (2014), co que pecha a triloxía de referencias explícitas ao mar.

En decembro do 2015 é nomeada Embaixadora da Universidade de Coímbra e entre febreiro e xuño do 2017, a convite desta universidade, lecionou sobre poesía portuguesa e brasileira, trobadores provenzais, galegos, a invención da lingua portuguesa e a canción popular do Brasil, ademais de realizar varios workshops integrados nunha residencia artística. Participou en palestras e conferencias dando continuidade ao seu traballo de pescuda e divulgación da lingua portuguesa a convite de diversas universidades nen Brasil e Europa. Froito disto chega o seu novo traballo, A mulher do Pau-Brasil.

Compartir: