IGUALDADE

Concepción Arenal presidirá a praza da Universidade durante o mes de marzo

06/03/2018 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, acudiu esta mañá á colocación da estatua de Concepción Arenal que presidirá a praza da Universidade durante o mes de marzo. A intervención urbana parte da Facultade de Filosofía da USC e enmárcase dentro das actividades do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Na visita de hoxe tamén estiveron o decano da Facultade de Filosofía, José Miguel Sagüillo; a vicedecana da Facultade de Filosofía, Nieves Herrero; a coordinadora da Comisión de Igualdade da Facultade de Filosofía, María Xosé Agra; e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.

María Xosé Agra explicou polo miúdo o contido da iniciativa, que naceu á vista dunha problemática como era o feito de que "non había prazas, rúas e espazos relativos a mulleres". Por iso, engadiu, "pensamos en Concepción Arenal pola vertente cultural e intelectual da súa figura e por ser coetánea a Montero Ríos", cuxa estatua preside a praza da Universidade.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade amosou a "satisfacción que sentimos dende o Concello pudendo acompañar unha iniciativa que encaixa coa visión de construír a Compostela que é territorio de mulleres". Na mesma liña se pronunciou Eva Agüayo, da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, quen sinalou que esta acción "busca visibilizar as mulleres nos espazos públicos, colocando como referencia a outra muller que foi pioneira no feminismo e que abriu o camiño ao acceso das mulleres aos distintos niveis educativos". Finalmente Nieves Herrero, vicedecana da Facultade, explicou que a idea "xurdiu das propias aulas da Facultade, onde constatamos a escasa presenza das mulleres e a existencia dunha reprodución dos estereotipos dominantes cando si se fai esa representación".

Concepción Arenal
Licenciada en Dereito, exerceu tamén como xornalista e escritora dentro do realismo literario. Foi ademais pioneira no feminismo denunciando a situación das prisións de mulleres, a miseria nas casas de saúde ou a condición da muller no século XIX, como se faría posteriormente dende o sufraxismo decimonónico.

A súa primeira obra sobre os dereitos da muller é La mujer del porvenir (1869), na que critica as teorías que defendían a inferioridade das mulleres baseada en razóns biolóxicas. A súa tese parte de defender o acceso das mulleres a todos os niveis educativos.

Compartir: