LINGUA

Arrinca a II edición do certame "Enreguéifate"

06/03/2018 Xa está en marcha unha nova edición do certame de regueifas en vídeo Enreguéifate, no que se poderá participar ata o vindeiro 15 de abril. Trátase dunha das iniciativas incluídas dentro do proxecto Enreguéifate, impulsado polo Concello de Santiago xunto cos de Ames, Carballo e Teo. O obxectivo é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso, a través da experiencia de regueifar.

O certame de regueifas convócase en dúas categorías: a escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, e a xeral, na que pode participar calquera persoa. En todos os casos, a lingua empregada debe ser o galego, en cada vídeo deben aparecer cando menos dúas persoas, e a duración máxima da regueifa será de tres minutos. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. A inscrición é libre e de balde, e pode facerse a través da web www.enregueifate.gal, onde está dispoñible toda a información da convocatoria.

Na primeira edición do certame de regueifas Enreguéifate participaron máis dun cento de persoas. Este ano, a organización aspira a superar esa cifra, xa que o proxecto está tendo unha maior repercusión, sobre todo a través das redes sociais. De feito, a páxina de Facebook do proxecto ten xa máis de 1600 seguidores e seguidoras.

Festival Regueifesta e accións formativas
A entrega de premios do certame de regueifas en vídeo terá lugar o 2 de maio de 2018 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo co festival Regueifesta. Esta cita constitúe un punto de encontro de escolares de toda Galicia e doutros lugares coma Euskadi arredor da improvisación oral en verso. A ela acudiron o pasado ano unhas mil persoas e desta volta agárdase dobrar esta cifra.

Ademais, dentro do proxecto Enreguéifate estanse a desenvolver accións formativas dirixidas ao alumnado e ao profesorado. Así, o pasado 17 de febreiro tivo lugar en Carballo a Xornada Enreguéifate para o fomento e aproveitamento educativo da improvisación oral, á que acudiron máis de 70 persoas relacionadas co mundo da docencia. Asemade, nos centros educativos de Santiago, Ames, Carballo e Teo desenvólvense nestes meses os obradoiros de improvisación oral Enreguéifate, cos que o alumnado aprende métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: