MEDIO AMBIENTE

Sés, protagonista dun concerto-coloquio dentro da campaña "Descarboniza! Que non é pouco..."

05/03/2018 A cantante Sés vai ser a protagonista dun concerto-coloquio dentro do proxecto Descarboniza! Que non é pouco..., que impulsa a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia en colaboración co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago. Será o próximo 20 de marzo no Teatro Principal, baixo o título de "Milonga climática".

Despois do éxito do coloquio do ano pasado co cineasta José Luís Cuerda, o programa Descarboniza! Que non é pouco... convida este ano a Sés a participar nun encontro no que se mesturarán as reflexións sobre o cambio climático coa música. A cantante tamén conversará co público sobre feminismo, educación, lingua ou cultura, nunha charla que se entrelazará coa interpretación dos seus temas máis coñecidos. O concerto-coloquio será o 20 de marzo, a partir das 20:30 horas. A entrada é de balde, previa retirada de invitación a partir do 7 de marzo no despacho de billetes do propio Teatro Principal.

Descarboniza! Que non é pouco... é un proxecto promovido pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia que quere animar a veciñanza a "descarbonizar" o seu estilo de vida, reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro. Da man do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, a campaña estase a desenvolver nos centros socioculturais de Busto, Castiñeiriño, Conxo, Lavacolla e Vite, con actividades nas que os grupos participantes poden analizar as causas e as consecuencias do cambio climático na súa contorna inmediata.

Compartir: