XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras de recuperación do itinerario fluvial do Sarela

02/03/2018 A Xunta de Goberno adxudicou este venres as obras de recuperación do itinerario fluvial "De Ponte a Ponte polo río Sarela", unha actuación posible grazas á colaboración entre o Concello e o Consorcio. Ademais, aprobouse o proxecto dun novo parque infantil en Lavacolla e abriuse o procedemento de contratación da nova iluminación do pavillón polideportivo de Fontiñas.

A Xunta de Goberno acordou hoxe a adxudicación das obras de restauración e mellora do itinerario fluvial "De ponte a ponte polo río Sarela". Dos traballos, orzados en case 63.000 euros, encargarase a empresa Excavaciones Midón. A actuación, froito da colaboración entre o Concello e o Consorcio, ten un prazo de execución de tres meses. O obxectivo é consolidar o paseo fluvial e a ruta de sendeirismo que transcorre polo río Sarela, restaurando e mellorando os elementos existentes e instalando algúns novos como varandas de seguridade ou sinalización.

Novo parque infantil en Lavacolla
Ademais, esta mañá recibiu luz verde o proxecto do novo equipamento de ocio de Lavacolla, no que se van investir case 75.000 euros. Trátase dun parque infantil que estará vinculado ao centro cívico da parroquia, e que contará con randeeiras, trepas, e un conxunto multixogo, entre outros elementos. Ademais, o proxecto contempla o acondicionamento da contorna, coa construción dunha senda de formigón, a instalación de bancos e fontes, e a dotación de novo alumeado público.

Renovación do alumeado público
En materia de iluminación, esta mañá tamén se acordou a continuidade do procedemento de contratación do subministro do alumeado público nos accesos á cidade, que quedara paralizado polo recurso presentado por unha das empresas que concorreran ao concurso. Tal e como se acordara previamente en Xunta de Goberno, a empresa Cobra Instalaciones y Servicios será a adxudicataria das Fases II e IV do proxecto, e Ferrovial encargarase da Fase III. O Concello remitiralle un requirimento a ambas empresas, que terán un prazo de cinco días para formalizar os contratos.

A renovación do alumeado público nos accesos á cidade será financiado con cargo a un préstamo do IDAE de case 1,5 millóns de euros, a interese cero, cun período de carencia dun ano e 9 anos de amortización. O proxecto contempla a substitución de case 2.500 luminarias por fontes de luz de alta eficiencia e rendemento, e con dispositivos que permiten a súa regulación de forma programada.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: