IGUALDADE

Comezan os debates feministas na Casa Xohana Torres dentro da programación do Día Internacional das Mulleres

02/03/2018 A Casa das Mulleres Xohana Torres acolle a partir deste venres 2 de marzo un ciclo de debates feministas sobre diferentes temáticas relacionadas coas desigualdades de xénero. Neles participarán mulleres vencelladas a varios campos profesionais. Desenvolveranse cada venres dos meses de marzo e abril a partir das 19:30 horas.

O ciclo dará comezo hoxe cun debate sobre a situación das mulleres no eido cultural, que será moderado pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Contará coa participación de Marta Pérez, actriz e directora de Inversa Teatro; Irene Moreira, directora da Sala Ingrávida e representante do colectivo Tempadas de Igualdade CYM; Luz Darriba, artista de La Caja de Pandora, e Mercedes Peón, autora, compositora e cantante.

O venres 9 de marzo debaterase sobre xustiza, xénero e coidados que moderará a concelleira de Igualdade, Marta Lois. Intervirán María Xosé Agra, catedrática de Filosofía Política da USC, e Carmen Castro, doutora en Economía e activista feminista. O seguinte venres, 16 de marzo, a casa acollerá a presentación do libro Elexías a Lola, de Xohana Torres. O evento será moderado por Lara Rozados, xornalista e escritora, e contará coa intervención do editor do libro, Pepe Puga, así como das escritoras María do Cebreiro e Ana Romaní.

As mesas redondas continúan o 23 de marzo co debate sobre medios de comunicación e xénero, moderado pola xornalista Belén Regueira e coa participación de Mónica Vidal e Tareixa Navaza, así como da profesora de Ciencias de Comunicación Comba Campoi. O 6 de abril, a historiadora e feminista Encarna Otero conducirá o debate sobre a historia do feminismo galego, que contará co coñecemento de Nanina Santos, da equipa de redacción da revista Andaina, e das activistas María Xosé Queizán, Luisa Ocampo e Lupe Ces.

Xa en abril, a tenente de alcalde, María Rozas, presentará o libro La prostitución en el corazón del capitalismo, coa intervención da autora do libro, profesora de socioloxía e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, Rosa Cobo. O seguinte venres é a vez de debater sobre a saúde e as desigualdades de xénero, coa moderación da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández. Participarán Carmen Valls, médica e escritora, e a presidenta de querEndo (Asociación de Mulleres con Endometriose), Iria Villar.

Os debates chegarán á súa fin coa mesa redonda sobre ciberfeminismos o venres 27 de abril, coa intervención de June Fernández, coordinadora de Pikara Magazine, e Saleta Salvador, doutora en Filosofía e profesora da Universidade de Vigo.

Documentos relacionados



Compartir: