CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia cumpre o seu 22º aniversario

01/03/2018 A Real Filharmonía de Galicia, que daba os seus primeiros pasos o 29 de febreiro de 1996, cumpre 22 anos. Nace da man da Xunta de Galicia e, desde 2001, o Consorcio de Santiago é o organismo encargado da súa xestión

A orquestra está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes, apoiados por un equipo administrativo de 7 persoas. Paul Daniel é o seu director titular e artístico dende xaneiro de 2013, labor que compaxina coa dirección musical da Orquestra Nacional de Burdeos; en 1998 foi galardoado cun Premio Olivier pola súa dedicación á ópera e condecorado coa Cruz do Imperio Británico nos New Year’s Honours de 2000. O primeiro director titular da orquestra foi Helmuth Rilling, entre 1996 e 2000. Seguiulle o mestre catalán Antoni Ros Marbà, que consolidou a súa traxectoria durante 14 anos.

Ao longo deste tempo, a RFG ofreceu máis de 1.500 concertos, coa participación de preto de 600 solistas de recoñecido prestixio internacional, entre eles o violinista Frank Peter Zimmermann, o pianista Joaquín Achúcarro ou a mezzosoprano Teresa Berganza. Dirixírona máis de 250 directores da talla de Frans Brüggen, David Afkham, Juanjo Mena ou Josep Pons. E neste período gravou un total de 20 discos.

A orquestra mantén unha tempada estable no Auditorio de Galicia, que compatibiliza con xiras e concertos nos escenarios de países como Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Cuba, Arxentina e, especialmente, Portugal; ademais das principais cidades españolas e galegas.

Unha clara vocación de servizo público
A RFG, que ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela, defínese pola súa "clara vocación de servizo público, articulando a súa actividade concertística por toda Galicia", tal como manifesta a directora técnica da orquestra, Sabela García Fonte. Destaca tamén "o seu compromiso con músicos, compositores e entidades culturais galegas, cunha estreita colaboración que se repite cada ano a través de concertos e encargos para visibilizar e poñer en valor o enorme talento e patrimonio artístico da nosa comunidade".

A directora técnica resalta que "a creación de novos públicos, o achegamento da orquestra á cidadanía e a colaboración con asociacións a través do ciclo RFG Solidaria, xunto co proxecto pedagóxico da Escola de Altos Estudos Musicais, son outras liñas relevantes que vertebran o proxecto da Real Filharmonía de Galicia".

Compartir: