CONVIVENCIA

A proliferación de velutinas, principal causa do incremento das saídas dos Bombeiros nun 57%

01/03/2018 Os Bombeiros de Santiago realizaron en 2017 un total de 2.590 saídas, un 57% máis que o ano anterior. Este incremento débese fundamentalmente ás actuacións para eliminar enxames, que pasaron das 366 de 2016 ás 1.359 en 2017. En só 48 casos os niños eran de abella ou avespa autóctona, fronte aos 1.311 casos de velutinas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, fixo hoxe balance da actividade dos Bombeiros en 2017. O edil explicou que a proliferación de velutinas "ademais de ser un problema ambiental moi serio, está motivando un enorme aumento da carga de traballo do Servizo de Emerxencias". O concelleiro lembrou que "hai só dez anos, en 2007, os Bombeiros realizaron dúas saídas relacionadas cos enxames, fronte ás 1.359 do ano pasado". Delas, 971 foron para retirar niños de velutinas, "operación que precisa dunha intervención previa dos Bombeiros para o control con insecticidas".

Ademais das relacionadas cos enxames, o ano pasado medraron as saídas para retirar árbores caídas, un total de 94 fronte ás 30 do ano anterior, "por mor das cicloxéneses que lle afectaron a Santiago en 2017". Xan Duro salientou tamén o incremento das actuacións en incendios, que pasaron de 178 a 245. Neste caso, o aumento ten que ver cos incendios en colectores de lixo, 81 en 2017 fronte a 30 en 2016. Pola contra, baixou o número de intervencións en accidentes de tráfico, un total de 25, 17 menos que en 2016.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou tamén que en 2017 rexistráronse 35 avisos falsos, 29 deles por supostos incendios que non existiron. Xan Duro apelou á responsabilidade cidadá, "porque estes avisos obrigan a mobilizar equipos de bombeiros que poderían ser necesarios en emerxencias reais".

Xornada de portas abertas
Xan Duro fixo balance da actividade dos Bombeiros en 2017 nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo presidente da Asociación Sociodeportiva de Bombeiros de Santiago. Juan José Picón deu conta da xornada de portas abertas que o Servizo de Emerxencias celebrará o próximo sábado, con motivo da celebración do patrón dos Bombeiros, San Juan de Dios, que se conmemora o día 8.

Picón explicou que as actividades previstas están dirixidas tanto a nenos e nenas como a persoas maiores, e dependerán das condicións metereolóxicas. Segundo dixo, o obxectivo "é que as familias poidan coñecer as instalacións do Parque de Bombeiros, e o material e os vehículos que se utilizan nas intervencións". Picón recoñeceu que os nenos e nenas son os que máis gozan nas xornadas, xa que "mesmo poden vestir o traxe de bombeiro e recibir o carné de bombeiro infantil". Ademais, os Bombeiros aproveitan a xornada de portas abertas para recoller produtos que serán doados ao Banco de Alimentos.

Documentos relacionados



Compartir: