MEDIO AMBIENTE

Clausura da campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos" cunha xornada sobre economía circular

01/03/2018 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia impulsa a celebración da xornada "O papel das cidades na economía circular", que servirá de clausura á campaña Longa vida aos teus residuos electrónicos. O foro terá lugar o próximo 6 de marzo no edificio Cersia.

A xornada ten como obxectivo reflexionar sobre o papel que deben xogar as cidades no impulso á economía circular, o xeito de afrontar o cambio climático ou o problema que supoñen os residuos electrónicos. Para iso, no foro participarán relatores de alto nivel, como Anabel Rodríguez, directora executiva da Fundación para a Economía Circular; ou Xavier Labandeira, catedrático de Economía e director de Economics for Energy. O concelleiro Xan Duro encargarase da apertura do encontro, no que tamén intervirán representantes de Recyclia, Revertia e Teimas, as empresas que colaboran coa Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia na campaña Longa vida aos teus residuos electrónicos.

Para inscribirse na xornada é preciso remitir un correo electrónico á dirección comunicacion@revertia.com.

Longa vida aos teus residuos electrónicos
A iniciativa Longa vida aos teus residuos electrónicos naceu co obxectivo de impulsar a concienciación ambiental sobre a reciclaxe e a reutilización de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos. A campaña, enmarcada no programa Tropa Verde, permitiu mostrarlle á cidadanía que eses aparellos poden ser reutilizados, prevendo así graves problemas da contaminación da auga e do chan, e evitando emisións de substancias tóxicas.

As persoas que entregaron os seus aparellos nos 15 puntos de recollida habilitados en centros socioculturais e deportivos conseguiron puntos que puideron trocar por premios en establecementos de Santiago, Tamén se organizou un taller de reutilización de equipos informáticos, no que se abordaron cuestións como o borrado de datos, os trucos para aumentar a vida útil dos equipos ou as formas máis sustentables de xestionar os residuos informáticos.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: