PLENO

Aprobados os orzamentos para 2007

28/12/2006 O Pleno da Corporación Municipal aprobou inicialmente os orzamentos do Concello para o ano 2007, co voto favorable dos dous grupos de Goberno e o pronunciamento negativo do Partido Popular. Trátase dunhas contas que alcanzan os 114.885.943,31 euros en ingresos e os 110.385.943,31 en gastos, cun superávit inicial previsto de 4,5 millóns de euros.

O concelleiro de Facenda, Xaquín Fernández Leiceaga presentou estas contas, que serán as últimas que lle correspondan elaborar, debido á súa anunciada marcha da Corporación Municipal. En termos interanuais, o orzamento municipal aumenta en algo máis de 15 millóns de euros, debido fundamentalmente aos maiores ingresos en conxunto e, sobre todo, ao incremento dos dos ingresos derivados de aproveitamento urbanístico ou alleamento de parcelas.

Tendo en conta o orzamento consolidado, incluídos os organismos autónomos e empresas municipais, os ingresos sitúanse en 173,1 millóns de euros, case 20 millóns de euros máis que no exercicio previo. Con estas cifras, o ingreso medio por habitante achégase aos 1.250 euros.

Os novos orzamentos continúan a estratexia de saneamento financeiro que deseñou o Plan de Saneamento Financeiro 2004-2007. Ademais, non elevan a presión fiscal sobre o cidadán, xa que o aumento na previsión de ingresos fundaméntase na evolución positiva do volume de actuación e nos compromisos de expansión das transferencias tanto por parte da administración do Estado como da autonómica.

Mellora nos servizos e na atención ao cidadán

As contas municipais fan unha aposta pola mellora dos servizos públicos e de atención aos cidadáns, procurando o equilibrio social e territorial. Cómpre salientar neste capítulo a mellora notable no vindeiro exercicio do servizo de mantemento e reposición do alumeado público, ao que van destinados 960.000 euros. Tamén destaca a entrada en funcionamento a plenitude do servizo de transporte urbano de viaxeiros, co obxectivo de facer realidade un servizo integral aos cidadáns no termo municipal en igualdade de condicións.

En canto a políticas de calidade urbana, contémplanse os fondos necesarios para pechar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e para completar os traballos do Plan Estratéxico de Santiago de Compostela ao longo do primeiro trimestre de 2007.

Máis para infraestruturas

As infraestruturas absorben máis de 20 millóns de euros, experimentando, outro ano máis, un incremento moi relevante. Continuarán os esforzos dirixidos á reurbanización do conxunto do Ensanche (2,5 millóns de euros, cunha actuación moi destacada na Rúa Nova de Abaixo), pero terán partidas específicas o barrio de Fontiñas (1,7 millóns de euros) e os outros barrios e a zona rural (4,4 millóns de euros). Quedan ao marxe destas actuacións as realizadas por EMUVISSA. Ademais, un convenio coa Consellería de Medio Ambiente permitirán comezar un plan de actuación en saneamento de núcleos rurais, cunha duración de tres anos.

O capítulo de investimentos reais sitúase en 30,58 millóns de euros. Este notable incremento en relación a 2006 débese en parte á incorporación de proxectos previstos no ano 2006 que non acadaron en prazo o seu financiamento e tamén á positiva evolución dos gastos de EMUVISSA en proxectos de urbanización financiados con cotas.

Os programas de dotación de novas infraestruturas urbanas superan os 22,9 millóns de euros. Destacan a urbanización dos polígonos de vivenda que xestionará EMUVISSA (10,7 millóns de euros); a contribución municipal para os programas de dotación de saneamento, abastecemento e distribución de auga (2,1); o Plan de Acción Municipal (8,4); ou Programa de edificios de uso público (4,8).

Compartir: