MOCIDADE

Iniciada a inscrición para dez novas actividades formativas do Centro Xove de Creación Cultural

27/02/2018 O Centro Xoven de Creación Cultural da Almáciga ofrecerá entre o 5 de marzo e o 21 de xuño un amplo programa de actividades formativas. A inscrición comezá este martes 27 de febreiro e rematará o 2 de marzo. Todas as accións son de balde ata completar o número de prazas.

A concelleira de Mocidade, Noa Morales, presentou en rolda de prensa este calendario de 10 actividades formativas, impartidas por 13 docentes. A maioría dos cursos son presenciais, aínda que tamén haberá actividades online impartidas a través da web do Centro Xove de Creación Cultural, respondendo así a unha demanda dos usuarios e usuarias deste equipamento municipal.

O programa inclúe a primeira edición dun curso de artes marciais históricas europeas, e tamén un de percusión africana, á vista do éxito do realizado o pasado ano. Outro dos cursos destacados é o de narración oral, baixo o título "Ti xa tes moito que contar", no que participarán narradores do Festival Atlántica. Estes tres seminarios comezarán en marzo.

Ademais, impartirase formación en caligrafía e lettering para xente xa iniciada nesta arte, e poderase participar en laboratorios de guitarra para non inicidados. Especialmente dirixidos ás mulleres serán o laboratorio de danza e as aulas de autodefensa, nas que, a maiores das nocións sobre defensa física, se formará sobre ferramentas psicolóxicas para as mulleres fronte a situacións de violencia.

Entre os cursos intensivos salienta o de fotografía, que contará con catro módulos, de catro horas cada un, para aprender as bases desta arte. Haberá tamén tres módulos intensivos de ilustración e outros res de introdución á robótica.

As inscricións están abertas ata o 2 de marzo, e deben facerse de maneira presencial no Centro Xove de Creación Cultural. Os/as participantes que cubran máis dun 80% das horas dos cursos recibirán un certificado de asistencia.

O calendario de actividades do Centro Xove completarase con dúas actuacións do Festival Atlántica, outras do alumnado do curso de guitarra, jam sessions abertas e actuacións do grupo de teatro do Centro.

Direccións relacionadas



Compartir: