CONSORCIO

Paquito D´Rivera, lenda viva do jazz latino, toca esta semana coa Real Filharmonía

26/02/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves 1 de marzo, en Santiago, no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas. O venres, a orquestra desprazarase ao Teatro Colón da Coruña, onde tocará tamén ás 20:30 horas. A batuta levaraa o mestre e clarinetista valenciano Vicent Alberola, que ademais interpretará unha obra ao clarinete xunto a Paquito D´Rivera.

Gañador de 14 Premios Grammy, o aclamado saxofonista e clarinetista cubano Paquito D´Rivera é o referente máis importante do jazz latino no mundo e destaca tamén pola súa faceta como compositor de música clásica e jazz. Nacido na Habana, aos 10 anos xa actuou coa Orquesta Nacional de Teatro do seu país. Estudou no Conservatorio de Música da súa cidade e aos 17 anos converteuse en solista destacado da Orquesta Sinfónica Nacional de Cuba. Foi membro fundador da Orquesta Cubana de Música Moderna, á que tamén dirixiu.

En 1980 emigrou a Estados Unidos e pronto se fixo un oco entre os grandes músicos de jazz. Dende entón, a súa extensa discografía reflicte unha dedicación e entusiasmo polo jazz, o bebop e a música latina, aínda que as súas contribucións á música clásica tamén son moi relevantes. Así, é un gran compositor de obras sinfónicas e de música de cámara, e a miúdo colabora con prestixiosas orquestras de todo o mundo.

Ao longo da súa dilatada carreira recibiu numerosas distincións, como o NEA Jazz Master -a honra máis importante que Estados Unidos concede a un músico de jazz-, a Medalla Nacional das Artes ou o Premio "Lenda viva do jazz" do Kennedy Center, entre outras moitas.

Unha obra dedicada aos pallasos da tele Gaby, Fofó e Miliki
Paquito D´Rivera interpretará varias obras compostas por el mesmo. Así, o programa arrancará con El efefante y el payaso, un poema sinfónico para orquestra dedicado aos pallasos da tele Gaby, Fofó e Miliki, que chegaron a Cuba para actuar co Circo dos Irmáns Aragón e decidiron quedar durante 20 anos. O autor relata que "eles levaron moita felicidade ao meu país. Certo día, Fofó, o máis bromista, escondeulle o seu elefante ao domador húngaro, así que este foi á estación de policía para facer a denuncia. Todo iso inspiroume". Esta obra "ten moito de circo e de África. É unha peza con elementos sinfónicos e música afrocubana: unha visión nostálxica da miña vida, daqueles anos con eses pallasos marabillosos". Sendo un neno, Paquito D´Rivera actuou en varias ocasións con eles no seu espectáculo, e mesmo ás veces tocaba a dúo con Gaby.

A continuación soará The Cape Cod Concerto, unha obra de música sinfónica composta por Paquito D´Rivera para conmemorar o centenario do nacemento do clarinetista Benny Goodman, unha peza que cualifica de "divertida". Logo interpretará ao clarinete o Adagio de Mozart, ao que seguirán tres tangos de Astor Piazzolla: Revirado, Oblivion e Libertango. E o público terá ademais a oportunidade de gozar da súa obras Contradanza e Vals venezolano.

Os concertos concluirán cunha selección de To bird with strings, temas interpretados polo lendario saxofonista Charlie "Bird" Parker, nesta ocasión co saxofón de Paquito D´Rivera.

Pepe Rivero Trío
Nestes concertos participará ademais o trío de jazz Pepe Rivero Trío, liderado polo pianista de jazz latino e compositor cubano Pepe Rivero, fincado en España. Ao longo da súa traxectoria colaborou con grandes artistas como Paquito D´Rivera, Celia Cruz, Lucrecia, La Barbería del Sur, Diego "El Cigala", Sole Giménez, Paloma San Basilio, Ana Belén, Elsa Baeza, Ángela Carrasco, Raphael, Pasión Veiga ou José Luis Perales, entre outros.

Charla con Paquito e co director Vicent Alberola
Antes da celebración do concerto de Santiago, o público terá a oportunidade de manter unha charla previa con Paquito D´Rivera e co director Vicent Alberola. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Alberola é o director titular da Orquesta Vigo 430 e da Orquesta Sinfónica de Madrid Gurska, e director convidado da Ópera de Perm en Rusia. Ademais, é clarinete principal da Mahler Chamber Orchestra e de Lles Dissonances en París. Foi durante máis de 20 anos primeiro clarinete da Orquesta da Ópera de Madrid e da Sinfónica de Galicia. A súa vocación como director descóbrea coa Nova Orquestra de Galicia en 1996, agrupación da que foi titular durante oito anos.

Compartir: