PLENO

A nova Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza urbana garantirá un espazo público de calidade para os cidadáns

28/12/2006 A ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria quedou definitivamente aprobada no Pleno municipal. Rexeitadas as alegacións, a maioría relativas á supresión dos dous artigos referidos ao botellón, e cos votos favorables do grupo de Goberno e a abstención do PP, sae adiante unha norma que substitúe á vixente ata agora, de 1989, e que contempla aspectos novos coma o botellón ou a limpeza das áreas próximas ás masas forestais. Ademais, incrementa significativamente o capítulo de sancións coa fin de que actúen de forma disuasoria para os que deterioran a calidade de vida cidadá.

A nova norma pretende ser unha ferramenta para corrixir actitudes e comportamentos neglixentes, co fin de facer de Santiago unha cidade máis cívica, limpa, respectuosa cos dereitos dos demais e garante do seu patrimonio e dos seus espazos públicos. Trátase, en definitiva de por fin a problemas tan cotiás como as pintadas, os excrementos dos animais domésticos nas rúas, os vertidos ao chan, os oríns nos espazos públicos, o mobiliario urbano e xogos infantís deteriorados por actos vandálicos ou o mal uso dos colectores de lixo.

A ordenanza da resposta a un problema tan de actualidade coma é o botellón, co obxectivo fundamental de alonxalo dos espazos públicos e daqueles onde poida causar trastornos aos cidadáns. Así, preténdese sobre todo atallar esta práctica se realice de forma masiva por grupos de cidadáns ou fomente a aglomeración destes, e cando poida deteriorar a tranquilidade do entorno ou provocar situación de insalubridade. Este tipo de condutas estarán sancionadas con multas de 100 a 750 euros, en función das molestias producidas e do espazo en que se realicen. Ademais, queda prohibido o consumo de bebidas na vía pública, así como a venda en espazos públicos.

Outro dos aspectos nos que a maior contía das sancións pretende actuar como medida disuasoria é o dos orins. Queda prohibido facer necesidades fisiolóxicas en calquera espazo público, especialmente cando teña lugar en lugares de con presenza de persoas ou en monumentos ou edificios ou espazos protexidos. As sancións nestes casos irán dos 100 aos 750 euros.

Recollida selectiva

A norma recolle tamén toda a normativa de recollida selectiva de residuos. Facilita que o cidadán poida coñecer os horarios de recollida e as súas distintas modalidades (orgánicos, papel-cartón, vidro, envases e pilas).

Finalmente, igualmente novidoso, no capítulo da limpeza dos terreos de propiedade privada, é a inclusión da limpeza das zonas próximas ás masas forestais. En concreto, os propietarios das fincas teñen a obriga de asegurar que as masas forestais e os terreos colindantes ás mesmas estean libres de vexetación na franxa de protección, que está fixada pola Xunta en 25 metros. Doutro xeito, o Concello estará facultado para facer esa limpeza de forma subsidiaria e para reverter no propietario o custo desas tarefas de limpeza.

Compartir: