MEDIO AMBIENTE

Recollida e tratamento de lixo

02/01/2018 O modelo actual de recollida no Concello de Santiago de Compostela é o chamado de catro fraccións, con contedores situados de forma xeral por toda a extensión xeográfica do municipio: Vidro, contedor verde; envases lixeiros, contedor amarelo; Papel e cartón, contedor azul; resto ou rexeitamento.

As fraccións de vidro, envases lixeiros e papel e cartón recóllense de forma selectiva para tratamento por reciclaxe, e a fracción de resto ou rexeitamento recóllese para ser tratada mediante incineración ou verquido.

Vidro (contedor verde)

Envases de vidro (botellas, botellas frascos...) son recollidos nos iglús de cor verde situados na rúa. Dende mediados de 2017, está vixente tamén unha recollida porta a porta específica para máis de 200 locais de hostalería situados no ámbito do Casco Histórico.

En 2017, recolléronse 1,953.720 kg de vidro, ou 20 kg por habitante. Supuxo un ingreso de case 40.000 € para o Concello, pagados por Ecovidrio.

Papel e cartón (contedor azul)

Caixas de cartón, bolsas e sacos de papel, periódicos, folios... son recollidos en contedores de cor azul situados na rúa. Ademais, existe unha recollida porta a porta para os comercios situados no ámbito do Casco Histórico e no Ensanche.

En 2017, recolléronse 2,273.520 kg de papel e cartón, ou 23,5 kg por habitante. Supuxo un ingreso de case 65.000 € para o Concello, pagados por Ecoembes.

Envases lixeiros (contedor amarelo)

Bricks, envases e botellas de plástico, envases e latas de metal, tapas metálicas, bandexas de porexpán ou "corcho branco", e redeciñas de envoltorio de vexetais. Todos identificados co símbolo do punto verde.

En 2017, recolléronse 1,508.150 kg de envases lixeiros, ou 15,7 kg por habitante. Supuxo un ingreso de case 240.000 € para o Concello, pagados por Ecoembes.

Resto ou rexeitamento

Fracción de lixo non separado que é transportado a Sogama para incineración e/ou verquido, cun custo de tratamento de 76 €/tonelada para o Concello.

Supón un pago a Sogama de 3 millóns de euros cada ano, pagados por vivendas e comercios na taxa municipal do lixo tras descontar os ingresos polas fraccións de recollida selectiva.

Orgánica (proxecto piloto)

A mediados de 2017, o Concello de Santiago de Compostela puxo en marcha un proxecto piloto de tratamento descentralizado da fracción orgánica. Nas tres illas de compostaxe comunitaria do proxecto piloto, situadas nos barrios de Galeras, Santa Marta e Salgueiriños, máis de 110 familias depositan a fracción orgánica (restos de comida), os cales convértense tras uns meses en compost utilizado para abonar as zonas verdes do municipio.

Derivado dos bos resultados acadados, a experiencia piloto será estendida a outras 700 familias tras o verán de 2018. A compostaxe será a forma fundamental de tratamento da fracción orgánica no novo modelo de residuos a por en marcha co novo prego.

Outras recollidas específicas

A maiores, existen tamén recollidas específicas de:

- Roupa usada (téxtil). Roupa, calzado e complementos poden ser depositados nos 23 colectores metálicos de cor vermella, xestionados pola empresa local de inserción laboral Arroupa.

- Aceite de fritura. Pode ser depositado nos colectores laranxas, xestionados pola empresa local de inserción laboral Compostela Inserta e dispoñibles en 15 centros e locais sociais do Concello.

- Pilas. Existen centos de pequenos contedores situados en supermercados, grandes superficies, tendas de electrodomésticos, electrónica, reloxerías e xogueterías.

- Aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). É posible depositalos durante todo o ano, nos puntos limpos do Tambre e Piñor, e cada sábado nunha zona da cidade no punto limpo móbil. Ademais, o Concello organiza campaña especiais de recollida de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos en locais e centros sociais durante varios meses cada ano, coma a "Longa vida aos teus aparellos" de 2017, en colaboración con Tropa Verde.

- Voluminosos. Mobles, colchóns e outros elementos voluminosos poden ser depositados nos puntos limpos, ou ser recollidos de forma gratuíta e baixo demanda chamando ao 981 565 469 en horario de 10:00 a 13:00 h de luns a venres.

Para solventar dúbidas e localizar o lugar máis preto para depositar calquera fracción de lixo, pódese consultar a web Onde o tiro.

Documentos relacionados



Compartir: