OBRAS PARA O EQUILIBRIO TERRITORIAL

Comezan as obras de reurbanización da rúa da Rapa da Folla

19/02/2018 Este luns comezaron as obras de reurbanización da rúa da Rapa da Folla, nas que o Concello vai investir 35.000 euros. O prazo de execución das obras será de cinco semanas.

As obras de reurbanización permitirán darlle a Rapa da Folla un tratamento similar ao que recibiron as dúas rúas máis próximas: Carreira do Conde e Montero Ríos. Os traballos obrigan a manter a rúa cortada ao tráfico, e a realizar algunhas modificacións na circulación pola zona. A máis significativa é que o tramo de Montero Ríos entre a rúa Nova de Abaixo e Rosalía de Castro pasa a ser de entrada dende Rosalía de Castro e non de saída. Así, os vehículos que suban pola rúa Nova de Abaixo terán que seguir de xeito obrigado por Montero Ríos.

Outras obras
Nestes días tamén avanzan a bo ritmo outras obras en diferentes puntos da cidade. En Lamas de Abade está en marcha a construción da senda peonil cuberta que conectará o colexio Lamas de Abade coa Escola de Hostalería, na que se van investir 50.000 euros procedentes dos Orzamentos Participativos de 2017.

Tamén continúan os traballos de mellora da accesibilidade no Campus Sur, orzadas en 55.000 euros. O proxecto aféctalle a nove pasos de peóns da avenida das Burgas, nos que se eliminarán barreiras arquitectónicas. O paso de peóns de acceso ao IES Xelmírez I pasará a estar elevado, para mellorar a seguridade nun tramo de moito tránsito peonil.

Por último, xa comezaron tamén as obras de mellora da seguridade viaria na rúa Cañoteira de Meixonfrío, ás que se destinarán 155.000 euros. O proxecto contempla a construción de beirarrúas e a instalación de pasos de peóns elevados. Despois das obras, a rúa terá un único sentido de circulación, co obxectivo de que sexa utilizada unicamente polos residentes.

Compartir: