TURISMO

Turismo colabora co I Camino de Santiago Film Festival, que se celebrará en Boston (USA)

16/02/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, participou na presentación da primeira edición do Camino de Santiago Film Festival, que se celebrará do 12 ao 14 de outubro en Boston, e que conta coa colaboración de Turismo de Santiago, que aproveitará o evento para manter xuntanzas con axentes de viaxes e profesionais do sector turístico da costa Este dos Estados Unidos.

A primeira edición do Camino de Santiago Film Festival concíbese como unha mostra intercultural onde se quere abrir a porta a cultura española e ao cine co Camiño de Santiago como principal protagonista. Nace co obxectivo de facilitar o intercambio de ideas a través de historias e temas de relevancia cultural e social, creando un espazo propicio para o público en xeral, peregrinos e profesionais do cine en todas as súas facetas, favorecendo o seu achegando e fortalecendo os vínculos artísticos, culturais e turísticos entre España e Estados Unidos.

O evento celebrarase no Emerson College, do Campus de Harvard. Proxectaranse máis de dez películas sobre o Camiño de Santiago, entre as que se inclúen a película O Apóstolo e o documental O Camiño acaba no Obradoiro, sobre a peregrinación do xogador da NBA Terry Porter. Tamén haberá actividades paralelas, como obradoiros, exposicións, concertos e concursos.

Segundo explicou Marta Lois, Turismo de Santiago colabora co Festival pola oportunidade que supón para reforzar a promoción de Santiago en EEUU como destino turístico cultural e patrimonial. Neste sentido, a concelleira lembrou que EEUU é xa o terceiro mercado internacional máis importante para a cidade, tanto en número de persoas que fan o Camiño de Santiago como de pernoctacións nos establecementos hoteleiros da cidade, só tras Italia e Alemaña.

A evolución do turismo estadounidense na cidade viviu un punto de inflexión coa película The Way, que se estreou a fines do 2010 e coa tamén colaborou Turismo de Santiago. A repercusión desta película entre segmentos de potenciais turistas moi interesantes para Santiago traduciuse nun incremento constante nos datos do mercado norteamericano na cidade.

Compartir: