FESTAS

A queima do Meco pon fin ao Entroido compostelán

14/02/2018 O personaxe central do Entroido santiagués volveu asumir o protagonismo na última xornada do programa das festas. A veciñanza compostelá reuniuse na praza do Toural para presenciar o descenso do Meco dende os balcóns do Pazo de Bendaña, convertidos por uns días en outeiro privilexiado desta figura creada por José Manuel Méndez.

O Santi-Meco do 2018 adoitou, como acostuma acontecer, a forma dun porco, e caracterizouse como supersticioso e romántico en chiscadela a un ano que fixo coincidir o martes de Entroido co día 13 e o mércores da queima co día dos namorados. Así, o boneco portou o trevo irlandés, a cruz andina e a man de Fátima como elementos talismán, e un vistoso feixe de billetes pegadiño ao corazón como proba do seu amor polo capital. Nada serviu para lle evitar a queima.

Á partir das 20:00 horas, unha comitiva de despedida vestida de rigoroso loito e animada pola comparsa A Ruliña de Laraño acompañouno dende a praza do Toural nun tránsito fúnebre que pasou polas rúas Nova, do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador, para chegar ata a praza Roxa. Este centro neurálxico do Ensanche compostelán serviu, un ano máis, de escenario para a queima. Ás 21:00 horas, o lume prendeu no Meco, nunha cerimonia entroideira oficiada polo bispo Casto que encarnou o actor Pepe Penabade

O acto puxo fin a un intenso programa de cinco días de actividades para grandes e pequenos que animaron a veciñas e veciños a botarse á rúa malia as condicións meteorolóxicas adversas.

Volven os Xenerais da Ulla ao Castiñeiriño
Para aquelas e aqueles que sigan con ganas de festa, resta aínda unha cita no calendario. En 2018, o barrio do Castiñeiriño volve sumarse ás escenificacións dos atranques e enfrontamentos dos Xenerais da Ulla, que non se celebran no lugar dende hai 40 anos. A última oportunidade de participar neste festexo do Entroido tradicional galego en Santiago chegará o sábado 24 de febreiro, ás 19:30 horas, no campo da festa.

Direccións relacionadas



Compartir: