ALCALDÍA

Sánchez Bugallo compartiu cos máis pequenos a primeira xornada de "Nadalxogo"

27/12/2006 "Nadalxogo" botou a andar como cada ano por estas datas no Multiúsos Fontes do Sar. Ata o 4 de xaneiro, coa única excepción do día 31, os rapaces e rapazas de Compostela teñen a oportunidade de gozar dunha atractiva oferta de actividades e dun espazo para a convivencia. O alcalde non quixo faltar á apertura desta proposta e inaugurou a edición deste ano.

Sánchez Bugallo puido comprobar de primeira man como os máis pequenos aproveitaban as variadas posibilidades que ofrece "Nadalxogo". Ademais de todas elas, nesta primeira xornada os nenos tiveron a ocasión de presenciar un espectáculo de paiasos. Tratábase dunha das actividades extraordinarias programadas para os distintos días, que tamén incluirán contacontos, espectáculos de maxia e circo, baile ou a visita dos Reis Magos o xoves 4 de xaneiro.

En horario de 17:00 a 21:00 horas, o Multiúsos de Sar ofrece unha ampla oferta lúdica, que inclúe diversos obradoiros e actividades deportivas: cestería, endadernación, abalorios, gomaespuma, plástica, papiroflexia, xogos con lingua, rochódromo, tenis de mesa, camas elásticas, karate e defensa persoal, scalextric e esgrima. Tamén haberá unha pista de coches de choque, un carrusel de cabaliños e inchables.

Para os máis pequenos, de 3 a 5 anos, habilitaranse espazos adaptados para eles, coma un parque, de xogos, outro de tráfico e diversos obradoiros. Os pais terán con lugares onde cambiar cueiros e onde lles dar de merendar aos máis pequenos.

Outra das propostas de "Nadalxogo" é o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, onde se combina a intervención lúdica coa educativa: contacontos, musica, papiroflexia, exposicións e un recuncho da lectura. Ademais, cada día, en horario de 18:00 e 19:30 horas, haberá distintas actuacións. A ciencia e os xogos feitos con material de refugallo tamén terán o seu espazo.

Ademais, de Xosé A. Sánchez Bugallo, compartiron uns intres cos rapaces os concelleiros de Educación, Elvira Cienfuegos; de Deportes, Manuel Portas; e de Cultura, Néstor Rego.

Compartir: