MEDIO AMBIENTE

A rúa Outeiro de Sar contará cun novo parque infantil e o parque Pablo Iglesias cunha remodelada área de xogos

14/02/2018 O Goberno local vén de adxudicar a instalación de dous parques infantís, un deles de nova creación en Outeiro de Sar, e outro que será renovado no parque Pablo Iglesias. As dúas áreas de xogo estarán finalizadas nun prazo de tres meses, despois dun investimento total de case 225.000 euros.

A instalación do novo parque infantil de Outeiro de Sar foille adxudicada á empresa Lappset por un importe de algo máis de 145.000 euros. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia lembrou que este proxecto foi un dos seleccionados no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide en 2017.

Xan Duro explicou que a instalación do novo parque infantil de Outeiro de Sar require o axardinamento dunha ampla zona de máis de 800 metros cadrados. Nunha parte desta área plantaranse árbores autóctonas e arbustos, e acondicionarase un paseo no que se emprazará unha zona de estar con mobiliario urbano. Tamén haberá unha zona dedicada a elementos biosaudables e con mesas de xogos como parchís, ping-pong ou xadrez.

A parte destinada aos xogos infantís, delimitada por un balado de madeira, está pensada para ser utilizada por máis de 80 nenos e nenas de forma simultánea, que poderán gozar de case 160 actividades distintas. A zona central do parque infantil estará ocupada por un elemento multixogo e un carrusel inclusivo. Haberá tamén tres randeeiras, entre elas unha inclusiva e unha tipo cesta; un tubo tipo túnel, circuítos de pavimentos e un xogo twister. O chan será de caucho reciclado.

Parque Pablo Iglesias
A renovación da área de xogos do parque Pablo Iglesias custará preto de 80.000 euros, e correrá a cargo de HPC Ibérica. A zona, de 450 metros cadrados, está pensada para ser utilizada simultaneamente por un cento de usuarios e usuarias.

O elemento principal do parque será un xogo combinado accesible para nenos e nenas con mobilidade reducida, no que haberá paneis lúdicos e xogos de equilibrio situados ao nivel do chan, dous tobogáns, tubos de bombeiros e trepas inclinadas. Ademais, instalaranse tres randeeiras, unha delas tamén inclusiva, e dous carruseis xiratorios, un deles accesible para cadeira de rodas, entre outros elementos. O chan do parque será de céspede artificial, e tamén se instalará novo mobiliario urbano.

Documentos relacionados



Compartir: