EMPREGO

Asinado o convenio para a acreditación da formación do programa municipal "Mocidade con Emprego"

12/02/2018 O Concello de Santiago e a Consellería de Economía, Emprego e Industria asinaron hoxe un convenio para a acreditación da formación impartida no marco do programa municipal Mocidade con Emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa de Emprego Xuvenil e a Garantía Xuvenil. O acordo recolle as características que deben ter os itinerarios formativos para que o seu alumnado reciba da Xunta os certificados de profesionalidade.

O acordo foi asinado esta mañá pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o director Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta, José Alfonso Marnotes. O Plan Xuvenil de Integración Profesional Mocidade con Emprego 2017-2020 recibirá unha achega de 1,5 millóns de euros do Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, que procura a integración sostible dos mozos e mozas no mercado de traballo. O programa deseñado polo Departamento de Emprego do Concello de Santiago prevé o desenvolvemento de ata 19 itinerarios de formación e inserción laboral, relacionados con oito sectores estratéxicos: industria 4.0, enerxías renovables, hostalaría e turismo, atención socio-sanitaria, medio ambiente, agricultura ecolóxica, comercio electrónico e loxística.

A través de Mocidade con Emprego ofértase un total de 323 prazas, para mozos e mozas desempregados que teñan máis de 16 anos e menos de 30. Cada participante recibe formación profesional específica, correspondente aos respectivos certificados de profesionalidade, así como formación transversal en fomento das novas tecnoloxías, fomento da igualdade e formación en idiomas. Tamén hai prácticas profesionais non laborais en empresas e titorías personalizadas durante a etapa formativa e de prácticas. Ademais, os/as participantes reciben unha bolsa-axuda de 350 euros mensuais durante o período de formación e de prácticas profesionais non laborais.

Actualmente están desenvolvéndose os primeiros cinco itinerarios que se puxeron en marcha a finais de 2017: actividades auxiliares de comercio; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións; actividades de venda e e-commerce; xestión de departamentos da área de aloxamentos; e certificación enerxética de edificios. Restan polo tanto 14 itinerarios formativos que se realizarán neste 2018. Todas as persoas interesadas poden inscribirse na web do programa, www.ponteenmarcha.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: