RELACIÓNS VECIÑAIS

A terceira edición da "Guía cidadá" sae á rúa con máis de 1.700 entradas de información útil

27/12/2006 Nos vindeiros días comezará a distribuírse a terceira edición da "Guía cidadá do Concello de Santiago", un útil instrumento para os cidadáns, que chega plenamente actualizada e ampliada. Trala boa acollida das dúas anteriores tiradas, en 2001 e 2003, a publicación sae agora con 1.729 entradas.

Segundo apuntou o concelleiro de Relacións Veciñais, Manuel Portas, na súa presentación, "a Guía quere ser un instrumento útil para todos os cidadáns de Santiago, favorecendo a integración social e axudando a coñecer a múltiple realidade administrativa, académica, sanitaria, asociativa, veciñal ou mesmo e oficio que ofrece a capital de Galicia".

Entre as melloras introducidas, destaca a actualización e incremento das direccións electrónicas. Así, comprende 562 páxinas web e 935 direccións de correo electrónico. Tamén se incluíu un índice de entidades e páxinas especiais con mapas, horarios de transporte urbano e diversos servizos.

O maior volume de información recollida traduciuse en 14 páxinas máis respecto á edición precedente. Manuel Portas lembrou que pode existir algún erro na publicación, pero que se correxirá nas follas que se engadirán ao final da mesma. En todo caso, indicou que "dende unha óptica cidadá, a selección de entidades e organismos fíxose tendo como principal premisa a utilidade".

A Guía, elaborada pola Editorial Compostela, tivo para a Concellaría de Relacións Veciñais un custo de 10.440 euros. Tiraranse 20.000 exemplares, cuxa edición non tivo custo algún grazas á colaboración de Caixanova.

Compartir: