MEDIO AMBIENTE

Sete colexios de Santiago participan no proxecto Compostaxe na Escola

08/02/2018 Sete centros de ensino de Compostela están a participar no proxecto Compostaxe Comunitaria na Escola, impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia. O edil Xan Duro visitou esta mañá un dos colexios implicados, o CEIP de Vite, onde os propios rapaces e rapazas se encargan de recoller os residuos orgánicos para levalos aos composteiros. A súa intención é acondicionar un xardín vertical no que utilizarán o compost.

Xan Duro explicou que o obxectivo do proxecto é que "os nenos e nenas tomen consciencia do que é un residuo e do que non o é, e que comproben como os restos orgánicos das súas comidas e merendas poden ser reutilizados". Nese aspecto incidiu o director do CEIP de Vite, que salientou o interese que está espertando o proxecto entre o alumnado. Pablo Fernández Otero mostrouse convencido de que a compostaxe escolar "implicará aínda máis os nenos e nenas cando teñamos instalado un xardín vertical no que utilizaremos o compost, previsiblemente a finais deste trimestre".

Aposta pola compostaxe comunitaria
Durante o curso pasado, o Concello impulsou un proxecto piloto de compostaxe no CEIP Raíña Fabiola. Este ano sumáronse á iniciativa os colexios de Vite, Apóstolo Santiago, Fontiñas, Ramón Cabanillas, Roxos e Lavacolla. Cada un dos centros recibiu dous composteiros de 320 litros de capacidade e máis toda a ferramenta necesaria para o proceso. O Concello, a través do Departamento de Parques e Xardíns, encárgase da entrega do estruturante que permite que os residuos orgánicos se convertan en compost, e Adega desenvolve o proxecto educativo nos colexios vinculado á compostaxe.

As illas de compostaxe instaladas nestes sete centros escolares súmanse ás que funcionan en tres barrios de Compostela. En Galeras utilizan a illa máis de 40 veciños e veciñas, en Santa Marta máis de 30 e en Salgueiriños son máis de 40 usuarios e usuarias. A intención do Goberno local é ampliar a utilización das illas de compostaxe, tanto nos barrios nos que xa están instaladas como noutros novos.

Compartir: