CONSORCIO

O Consorcio de Santiago remata as obras de conservación da igrexa de San Pedro de Busto

08/02/2018 No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, interveuse na igrexa de San Pedro de Busto, do século XII, situada na parroquia de Busto. O organismo interadministrativo destinou a esta obra un orzamento de 35.385,46 euros.

O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Xosé Allegue, explica que "se realizaron as obras necesarias para lograr a mellor conservación do inmoble, que, ao carecer de canlóns nalgunhas das súas fachadas, presentaba problemas derivados da acción das escorrentías da cuberta, así como da salpicadura da auga dos aleiros contra a fachada".

Así, saneáronse as fachadas e a torre do campanario. Limpáronse as revocaduras en mal estado e repintáronse con pintura de silicato. Tamén se limpou a pedra. E, co fin de evitar que se reproduza o problema das escorrentías da cuberta sobre os novos paramentos, instalouse un canlón e baixantes de cobre, que conducen directamente a auga da cuberta á rede de drenaxe existente, para o que se procurou afectar o menos posible á imaxe das fachadas do edificio.

Intervención no tellado e na casa reitoral
Resultaba prioritario substituír as tellas da cuberta, xa que, ao estaren simplemente apoiadas sobre os cangos, levantábanse cada vez que había temporal, provocando a entrada de auga ás bóvedas e ás revocaduras da nave, e poñendo en perigo a imaxinería e os retablos do templo. "O retellado fíxose con ganchos longos que permiten un maior solapamento da tella, polo que se aportou tella vella idéntica á existente para compensar a superficie total. Isto dificultará a entrada de filtracións de pluviais", sinala o arquitecto.

Por outro lado, o lucernario de carpintería de aluminio de acceso á cuberta non permitía a ventilación e xeraba problemas de condensación cara ao interior, polo que se substituíu. E no edificio da casa reitoral a fábrica de pedra da esquina sueste estaba desmontada por efecto do vandalismo, de xeito que se reconstruíu para recuperar o seu estado orixinal.

Compartir: