CONVIVENCIA

Continúan os traballos para a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago de Compostela

07/02/2018 Os alcaldes dos municipios da área de Santiago participaron hoxe nunha xuntanza para coñecer os detalles do acordo acadado entre o Concello, a Deputación da Coruña e a Vicepresidencia da Xunta para a comarcalización do parque de bombeiros de Compostela. Foi unha reunión celebrada esta mañá, á que asistiu o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

A xuntanza estivo presidida polo director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luís Menor. Tamén asistiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e os alcaldes de Ames, Brión, Boqueixón, Oroso, Vedra, Trazo, Padrón, Rois e O Pino, así como o alcalde de funcións de Teo. Na reunión deuse conta do acordo para a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago, anunciado a semana pasada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde compostelán, Martiño Noriega.

O director xeral de Emerxencias da Xunta, Luís Menor, incidiu en que "o acordo para a comarcalización do parque de bombeiros de Santiago demostra que algunhas demandas históricas poden resolverse cando hai vontade de cooperación entre as administracións". Ademais, lembrou o interese da Xunta en que o proxecto sexa executado, "porque o obxectivo do novo Mapa de Emerxencias de Galicia é que o servizo chegue ao 95% da poboación en menos de vinte minutos, fronte ao 87% actual, e cubrir máis do 90% do territorio, fronte ao algo máis do 60% actual". Para iso, reiterou, "é fundamental comarcalizar os parques de bombeiros das cidades, e a primeira vai ser Santiago".

Compartir: