IGUALDADE

Definidos os criterios de uso e xestión da Casa das Mulleres Xohana Torres

07/02/2018 A Casa das Mulleres Xohana Torres acolleu na tarde de onte a primeira xuntanza aberta para debater e definir os criterios de uso e xestión do espazo, que foi inaugurado no pasado mes de novembro.

Á xuntanza foron convidados os colectivos feministas que xa viñan traballado co Concello de Santiago, así como todas aquelas mulleres que o solicitaron o día da inauguración do espazo. Acudiron arredor de medio cento de persoas. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, foi a encargada de moderar a xuntanza e de explicar o documento base sobre o que se traballou posteriormente. Na reunión definíronse as normas básicas e decidiuse que se xestionará a casa baixo un modelo de coxestión entre o Concello de Santiago e tecido asociativo e de mulleres.

Tres órganos
A Xestión da Casa levarase a cabo a través de tres organismos: a Asemblea Xeral, a Coordinadora Municipal e as Comisións de Traballo. A Coordinadora Municipal será unha traballadora do Departamento de Igualdade do Concello, mentres que as Comisións de Traballo irán creándose segundo as necesidades da Casa. De momento tense acordado a creación de tres, a de programación de actividades, a de comunicación e a de formación.

Pola súa banda, a Asemblea Xeral estará formada por mulleres que pertenzan a asociacións ou entidades que realicen actividades de xeito regular no espazo. Para iso, o Concello creará un rexistro específico no que se apuntarán aquelas asociacións que desexen participar. Tamén poderán formar parte da mesma mulleres que, sen pertencer a colectivos feministas, desexen adscribirse a título individual, Iso si, deberán formar parte da Asociación Casa Xohana Torres, que botará a andar no mes de abril mediante unha primeira xuntanza aberta entre aquelas mulleres que desexen forman parte do Grupo Motor.

Espazo de empoderamento
A Casa das Mulleres Xohana Torres representa a reivindicación histórica do movemento feminista e do asociacionismo de mulleres, que viu a necesidade de construír un espazo común, aberto e amplo onde poder traballar para mudar a sociedade. Mais a Casa non constitúe unicamente un espazo físico, senón tamén simbólico, de reivindicacións, reflexións e experiencias, un espazo de transformación social.

Compartir: