CONSORCIO

Un libro reúne 190 retratos realizados por Carlos Maside a figuras contemporáneas súas como Castelao, Valle-Inclán ou Lorca

07/02/2018 O Consorcio de Santiago e a editorial Guiverny acaban de publicar Maside. A presenza do ausente, un libro que reúne 190 retratos realizados por Carlos Maside a personaxes contemporáneos seus. Presentouse este mércores na Fundación Torrente Ballester nun acto no que estiveron, ademais das autoras dos textos, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde; e Belén Fortes, da editorial Guiverny, xunto a familiares e amigos do artista.

O libro conta con catro textos introdutorios elaborados por María Esther Rodríguez Losada, biógrafa de Maside; Aurora Marco, Mercedes Rozas e María Xosé Fernández Cerviño. Ademais, hai un apéndice final coas biografías dos personaxes retratados.

Carlos Maside é unha figura fundamental do movemento renovador da arte da primeira metade do século XX. Esta publicación reúne preto de 200 retratos realizados polo polifacético artista a lapis, pluma ou tinta sobre papel; entre os que se atopan os máis importantes contemporáneos galegos do pintor nos anos vinte e trinta do pasado século, ao tempo que tamén se recollen varios aurorretratos. Todo este material gráfico forma parte da colección familiar de Maside, agás os retratos de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, que pertencen á Fundación Luís Seoane.

María Esther Rodríguez explica que "este libro recolle a historia dos contemporáneos que tecen a historia de Entreguerras. Nesta recompilación aparecen, por primeira vez, retratos, siluetas e caricaturas de personalidades diversas que compartiron un mesmo tempo histórico. Moitas veces, a carón da imaxe aparece o nome ou apelidos do retratado, oficio e dedicación, para que nun futuro mellor puidesen ser identificados, relembrados e rehabilitados".

Tal como indica a estudosa de Maside, "a recompilación destes retratos obedece a un interese artístico, divulgativo e didáctico". Da Xeración do 98 sobresaen os nomes de Valle-Inclán, Rafael Altamira e Portela Valladares; da Xeración Nós, as figuras de Otero Pedrayo, Castelao e Vicente Risco. Da Xeración de 1915 destaca o retrato de Manuel Azaña. A Xeración de 1925-1927 (galega e española respectivamente) está nutrida por nomes como Federico García Lorca, Xesús Bal y Gay, Eugenio Montes ou Fermín Penzol. En número menor está representada a xeración galega de posguerra, estudantes e mozos cos que o artista mantivo unha relación de intercambio cultural, entre eles Isaac Díaz Pardo, Uxío Novoneyra, os irmáns Baldomero e Ventura Cores e Xulio Maside, entre outros.

"O conxunto de retratos ten o mérito de ofrecer un panorama onde aparecen irmandados creadores de distintas culturas ibéricas, incluíndo o mellor da intelectualidade portuguesa da época, ao tempo que tamén aparece reflectida parte da sociedade hispano-americana", manifesta María Esther Rodríguez.

Segundo sinala a biógrafa, "para Carlos Maside era norma facer o retrato do natural, de xeito que todas estas figuras, amigos seus, nalgúns casos, estiveron ao seu carón, en determinados momentos políticos ou circunstancias especiais da vida: na reunión do café, na redacción do periódico, no obradoiro do pintor, nunha conferencia ou nun acto oficial".

De Rosalía de Castro ás xeracións máis novas
O proxecto iníciase cun recordatorio a Rosalía de Castro, á que Maside non coñeceu en vida pero á que admiraba; e con outro de Valle-Inclán, realizado no mesmo leito de morte, en xaneiro de 1936. Despois virían personalidades tan transcendentais para a historia deste país como, entre outros, Manuel Lugrís, Manuel Antonio, Ánxel Fole, Alexandre Bóveda, Ramón Piñeiro ou Domingo García-Sabell, para rematar coa xeración máis nova.

Así, preto de 200 interpretacións de librepensadores que Carlos Maside plasma dun xeito intelixente. Trátase de políticos, filósofos, escritores, músicos, poetas… que coma el tiveron un compromiso de participación activa na vida política e cultural do momento.

Boa parte destes debuxos formaron parte da exposición Rostros, que acolleu a Casa do Cabido no ano 2016, impulsada polo Consorcio de Santiago.

Compartir: