OBRAS PARA O EQUILIBRIO TERRITORIAL

O Goberno municipal investirá 350.000 euros en melloras na rúa das Cancelas e na avenida do Cruceiro da Coruña

07/02/2018 A Xunta de Goberno adxudicará nas próximas semanas as obras de reurbanización dun tramo da rúa das Cancelas, no contorno da subestación eléctrica. O proxecto está orzamentado en algo máis de 200.000 euros e ten un prazo de execución de 45 días. Nas próximas semanas tamén arrancarán as obras de mellora da pavimentación na vía de servizo da avenida do Cruceiro da Coruña e nas parroquias de Sabugueira, Figueiras e Marrozos.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial deu conta do estado da licitación das tres actuacións, que xa pecharon a súa tramitación nas mesas de contratación e están pendentes da adxudicación formal por parte da Xunta de Goberno.

Reurbanización de Cancelas
Unha das actuacións que o Goberno local acometerá a partir de finais de mes será a reurbanización do tramo da rúa das Cancelas no seu encontro coa avenida Rodríguez de Viguri, "que se atopa nun estado deficiente e sen beirarrúas". O obxectivo dos traballos será "darlle continuidade ao percorrido peonil e mellorar a seguridade para os viandantes, xa que son moitas as persoas que camiñan por esta zona debido aos servizos existentes nas proximidades". Ao tempo, mellorarase a iluminación e renovarase o sistema de recollida de augas pluviais.

As obras de reurbanización da rúa das Cancelas teñen un orzamento de 150.000 euros e un prazo de execución de 45 días. A actuación foille adxudicada á empresa Excavaciones Midón.

Cruceiro da Coruña
O outro proxecto que irá nas próximas semanas á Xunta de Goberno será o da renovación e mellora do firme da vía de servizo leste da avenida do Cruceiro da Coruña (marxe pares), despois de que a mesa de contratación pechara onte a súa proposta de adxudicación á empresa Canarga. Os traballos permitirán renovar o actual aglomerado en mal estado, ao tempo que se repararán as beirarrúas e se acometerá o rebaixe dos pasos de peóns existentes para garantir a accesibilidade. O orzamento das obras será de 200.000 euros, e o prazo de execución será de tres meses.

Rafael Peña lembrou que esta actuación se suma ás obras de mellora da vía de servizo oeste da avenida do Cruceiro da Coruña (marxe impares), nas que se investiron preto de 125.000 euros.

Pavimentación en Figueiras, Sabugueira e Marrozos
O concelleiro tamén deu conta da adxudicación das obras de mellora de pavimentos en Sabugueira, Figueiras e Marrozos, das que se vai encargar a empresa Oviga. A actuación, enmarcada no POS 2016, ten un orzamento de algo máis de 140.000 euros.

Na parroquia de Sabugueira traballarase en dous tramos que suman algo máis de 1.200 metros, nos lugares de Vilamaior e Castiñeira Grande. En Figueiras, intervirase en case 1.400 metros en Folgoso, e na parroquia de Marrozos as obras centraranse nun tramo de 1.200 metros na aldea de Vixoi.

Compartir: