EMPREGO

Marta Lois inaugura o "Santiago Emprega VI", que formará a 85 mulleres

02/02/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, asistiu esta mañá á apertura do programa de emprego integrado Santiago Emprega VI, dirixido a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral a través dun itinerario que contará con acción informativas, talleres ou asesoramento e coaching.

Participan 85 mulleres de entre 18 e 25 anos, que mellorarán as súas competencias mediante catro itinerarios de inserción laboral aos que se lle sumarán itinerarios adaptados a cada perfil profesional. Na apertura, a concelleira fixo fincapé nos "esforzos que se están a facer na mellora da empregabilidade da xente moza" e lembrou os "dous millóns de euros captados en fondos externos para o desenvolvemento deste tipo de programas".

Este obradoiro ten unha duración de 12 meses e un grao de inserción laboral próximo ao 50%. Realizarase un seguimento da empregabilidade ao rematar o programa, aos 6 meses e aos 12, unha vez finalizado. Os catro itinerarios formativos son de marketing e comercio internacional, condución de autobús, recepción en aloxamentos e confección de páxinas web. Ademais, contarase con obradoiros que procuren mellorar as competencias transversais e comunicativas das persoas participantes.

O programa comezou cunha charla de Reina Dhoore, acompañadora de procesos emocionais e de estrés, que buscou motivar as participantes na busca de emprego.

Compartir: