ALCALDÍA E MOBILIDADE

O Pleno debaterá unha moción de solicitude de maior protección penal para peóns e ciclistas

02/02/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Mobilidade, Jorge Duarte, recibiron unha representación do colectivo Composcleta, encabezada polo seu presidente, Faustino Gómez. Este entregoulle ao rexedor unha carta na que solicita un acordo plenario para demandar ao Congreso dos Deputados a reforma do Código Penal en materia de tráfico e medidas para unha maior seguridade viaria e protección de peóns e ciclistas.

Martiño Noriega expresou a dispoñibilidade do Goberno municipal para tramitar unha moción no Pleno neste sentido e a que o propio colectivo Composcleta poida participar na sesión para formular as súas reivindicacións. O alcalde mostrou a súa "receptividade" e "sensibilidade" a estas propostas.

O presidente do colectivo Composcleta indicou que na carta solicítase "a reforma do Código Penal para a defensa dos usuarios máis vulnerables, que son os peóns os ciclistas, porque neste momento o Código Penal, despois da reforma de 2015, desprotexe estes usuarios". Para Faustino Gómez, "o dereito á seguridade e á protección da seguridade é prioritario".

Composcleta forma parte de ConBici, a Coordinadora en Defensa da Bicicleta, que xunto con Stop Accidentes lanzou unha campaña para solicitar maior seguridade viaria e a reforma do Código Penal en materia de tráfico. Así, lembran que a modificación do Código Penal en 2015, despenalizou as imprudencias leves.

Nos últimos catro anos, recordan, anos inverteuse a tendencia de redución de falecidos en España, e mesmo en 2017 se rexistrou un incremento do 2,9% dos falecidos e 11 ciclistas mais mortos nas estradas respecto do 2016. Incluso no caso de Santiago de Compostela, os datos da Policía Local indican un aumento dos atropelos a peóns e ciclistas no entorno urbano no ultimo ano.

Compartir: