CENTROS CÍVICOS

O programa "Entendendo a cidade" inicia unha nova etapa de roteiros

02/02/2018 O programa Entendendo a cidade abre un novo calendario de roteiros pola cidade ata a Semana Santa. Desta volta faranse percorridos pola historia arquitectónica de Santiago, dende o Románico ao Clasicismo. Os roteiros realizaranse os martes, xoves e sábados, e os mércores haberá charlas sobre cada roteiro nos centos socioculturais de Fontiñas e do Ensanche. As camiñadas estarán guiadas polo historiador e animador sociocultural Eduardo Sánchez Novais. Para participar nestas actividades hai que preinscribirse chamando a calquera dos centros socioculturais.

A concelleira de Políticas Sociais e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou xunto ao historiador Edu Sánchez o novo ciclo de roteiros de Entendendo a cidade. Este programa, lembrou a concelleira, "naceu en abril de 2017 co obxectivo de que a veciñanza coñecera mellor o noso municipio e a cidade, pero sobre todo a súa historia, ademais do seu valor artístico, social e cultural".

Destacou as amplas listas de espera que teñen os diferentes percorridos, mostra do éxito do programa. De aí que se reedite esta iniciativa en 2018, con dez roteiros xa realizados en xaneiro. Entre os temas deste novo calendario, a concelleira citou o Modernismo en Compostela, as marcas de propiedade do Antigo Réxime ou a Rocha Forte e a Revolta Irmandiña. Tamén destacou o percorido pola Compostela como "laboratorio de arte onde os diferentes autores e estilos deixaron pegada dentro da cidade".

Pola súa parte, o historiador Edu Sánchez insistiu no obxectivo do programa, destinado a que "a cidadanía poida coñecer a historia da súa cidade", a través dun "espazo de participación para a cidadanía, de xeito que ela mesma explicase cousas, porque hai xente en Compostela que sabe moitas cousas".

Para participar nos grupos dos roteiros pódese chamar a calquera dos centros socioculturais da cidade. O número máximo de persoas en cada percorrido é de 20, habendo xa listas de espera. Os roteiros celebraranse os martes, xoves e sábados, mentres que os mércores haberá charlas sobre as visitas nos centros socioculturais de Fontiñas e do Ensanche.

Compartir: