MOBILIDADE

Satisfacción no Concello cos avances no proxecto da plataforma peonil da estación intermodal

01/02/2018 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade participou esta tarde en Madrid nunha reunión entre as administracións implicadas na construción da futura estación intermodal, na que se analizaron os avances no proxecto da plataforma peonil vinculada á infraestrutura. Jorge Duarte manifestou a súa satisfacción coa solución na que está traballando o estudo arquitectónico de Juan Herreros, "porque responde ás demandas do Concello en canto a accesibilidade e integración no actual edificio ferroviario".

Á reunión celebrada esta tarde asistiron, ademais do concelleiro, representantes da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia e do ADIF, así como o arquitecto Juan Herreros. Jorge Duarte explicou que a plataforma peonil cuberta na que se está traballando "terá entre oito e doce metros de ancho e máis de catro metros de altura e, tal e como reclamaba o Concello, estará conectada co viario Clara Campoamor tanto con escaleiras mecánicas como con ascensor, garantindo así a accesibilidade". A solución presentada hoxe "tamén atende a reivindicación de que se respecte a visibilidade da antiga estación de ferrocarril e da súa marquesiña".

Na xuntanza desta tarde abordouse a posibilidade de que o proxecto definitivo da plataforma peonil cuberta sexa presentado publicamente no prazo dun mes. A previsión das tres administracións implicadas é que o proceso de licitación da obra comece no mes de xuño.

Compartir: