ACCIÓN CULTURAL

O Auditorio de Galicia acolle o martes 6 de febreiro un Encontro Aberto co Sector Cultural de Compostela

01/02/2018 No ronsel doutros procesos de participación cidadá que o Goberno vén desenvolvendo en distintas áreas, a Concellaría de Acción Cultural celebra este martes 6 de febreiro un Encontro Aberto co Sector Cultural de Compostela, un espazo que busca ser un foro de diálogo constante entre os responsables municipais, os axentes do sector cultural que operan na cidade e o público de Santiago.

O encontro, que se desenvolverá a partir das 18:00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, centrarase na convocatoria de axudas de apoio a procesos e actividades culturais por concorrencia aberta e competitiva para o período 2018- 2019, nas que o grupo de Goberno e os técnicos de Cultura levan traballando varios meses.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova iniciativa, que definiu como "unha clara aposta pola descentralización da produción cultural que busca servir de estímulo á presentación de novas propostas e facilitar a participación dende todos os ámbitos de creación artística e cultural".

Con este albo, Novoneyra animou a todas as persoas interesadas en coñecer a proposta a participar na sesión aberta do martes 6 de febreiro. Para se inscribir, abonda con solicitalo mediante un correo electrónico dirixido ao enderezo tprincipal@santiagodecompostela.gal. Ademais, a concelleira convidou a trasladar tamén este espazo de diálogo ás redes sociais mediante a etiqueta #encontrocultura, que se empregará neste e en futuros encontros.

Direccións relacionadas



Compartir: