DEPORTE

Máis de 150 tiradores e tiradoras competirán no XII Open Compos - Trofeo José Goás de esgrima

01/02/2018 O XII Open Compos – Trofeo José Goás foi presentado pola concelleira de Deporte, Noa Morales, e polo secretario da Asociación Compostela Esgrima, Víctor Castro. Este ano o trofeo leva o nome do fundador do club, José Goás, falecido o pasado ano. Máis de 150 tiradores e tiradoras participarán no torneo, que se celbrará o sábado e o domingo no pavillón do Restollal.

Noa Morales apuntou que este Open Compos é "un torneo de categoría absoluta de espada masculina e feminina, puntuable para o ranking galego". Polo tanto, dixo, "teremos oportunidade de asistir a un evento deportivo de calidade" nunha disiciplina da que destacou a súa espectacularidade. "A esgrima é un deporte moi atractivo de ver, un deporte olímpico moi completo, e o torneo pemitiranos comprobar o gran nivel da esgrima galega".

Pola súa banda, o secretario da Asociación Compostela Esgrima, Víctor Castro, remarcou a alta participación, con máis de 150 tiradores e tiradoras, divididos entre o encontro puntuable para o ranking galego de espada masculino e feminino (sábado) e o Ranking Nacional de Veteranos de Espada, tamén en categoría feminina e masculina (domingo). Haberá competirores/as de todo o Estado e do Norte de Portugal.

Entre os/as participantes, Castro destacou a presenza, unha edición máis, de Álvaro Calderón, tirador madrileño oito veces campión do Open Compos. Entre as tiradoras, citou á viguesa Rosa Cano, unha das mellores no ranking galego.

Esta edición do Open Compos é moi especial, porque "facemos unha homenaxe a José Goás, fundador tanto da Asociación de Esgrima en Santiago e máis da de Lugo", apuntou Víctor Castro. "Como parte desta homenaxe, os trofeos que se entreguen serán uns deseños especiais feitos co metal de espadas en desuso ou rotas, realizadas por Adrián Penido, tirador e artista, sinalou.

Direccións relacionadas



Compartir: