MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa actividades sobre alternativas de consumo responsable

29/01/2018 As actividades non paran no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC). A instalación de Belvís traballará durante o mes de febreiro arredor das distintas alternativas de consumo responsable que existen en Compostela.

O martes 20 de febreiro, ás 17:30 horas, celebrarase o Obradoiro Consumo Responsable (Mercado Entre Lusco e Fusco). Todos os martes, no parque de Belvís ten lugar un encontro de persoas produtoras da zona onde se atopan produtos frescos, de tempada e ecolóxicos. En colaboración con elas, organízase unha xornada de reflexión colectiva.

A actividade está dirixida a todos os públicos (nenos/as a partir de 10 anos). É de balde pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección electrónica ciac@santiagodecompostela.gal.

Outra das actividades destacadas será o sábado 24 de febreiro, ás 11:30 horas, coa celebración dun roteiro interpretativo sobre alternativas de consumo na cidade de Compostela. Na actualidade, a sociedade acostuma a mercar maioritariamente en grandes superficies, con todos os danos colaterais que isto supón. O roteiro quere presentar diversas alternativas que nos podemos atopar polo centro da cidade, ao tempo que se debate sobre os beneficios destas.

A actividade é para todos os públicos, tamén de balde. A inscrición pode realizarse a través do teléfono ou do correo electrónico ao igual que no caso do obradoiro.

Compartir: