CONVIVENCIA

As actividades de educación viaria da Policía Local chegaron no curso pasado a máis de 3.000 rapaces e rapazas

25/01/2018 Máis de 3.000 alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria, Bacharelato e Educación Especial participaron nas actividades organizadas polo departamento de Educación Viaria da Policía Local ao longo do curso pasado. Os programas chegaron a máis de 30 de centros de ensino da cidade.

As actividades de Educación Viaria chegaron, en concreto, a 3.060 rapaces e rapazas. Deles, 1.078 son os participantes no programa "Móvete Seguro con Moito Olliño"; 678 asistiron ás charlas "Son conductor de bicicletas", e 630 sumáronse ao programa "Xeraldina Viaxa Connosco", dirixidos ao alumnado de Educación Infantil. 496 estudantes de Bacharelato participaron na campaña "Ti controlas, Ti decides", e 178 rapaces e rapazas asistiron ás charlas "Vivimos as mesmas realidades", deseñadas para o alumnado de Educación Especial. As actividades da Policía Local chegaron a 36 centros de ensino da cidade, tanto públicos como privados e concertados. Ademais, o departamento de Educación Viaria da Policía Local impulsou outras actividades complementarias que tiveron unha grande acollida, como as charlas sobre os Sistemas de Retención Infantil, o Parque Infantil de Tráfico ou o primeiro Pleno Infantil sobre Seguridade Viaria.

Actividades acaídas para cada tramo de idade
As actividades impulsadas pola Policía Local nos colexios están deseñadas específicamente para tramo de idade ao que van dirixidas. Así, os nenos e nenas de 4º de infantil participaron en módulos nos que se lles achegaba a figura do Policía Local e nos que se explicaba a importancia de cruzar a rúa axeitadamente polos pasos de peóns. No caso do alumnado de 4º de Primaria, utilizáronse as sesións para promover comportamentos seguros como peóns e como pasaxeiros de coche e autobús e para que os nenos e nenas empecen a familiarizarse cos sinais de tráfico. Neste caso, mesmo se desenvolveu unha parte práctica, cun paseo pola cidade. Para os rapaces e rapazas de 6º introciuse a temática da bicicleta, para mostrarlles que tamén é importante que coñezan como deben circular para facelo do xeito máis seguro.
O alumnado de primeiro de Bacharelato participou en actividades teóricas e prácticas relacionadas co uso do casco, os efectos do alcohol e das drogas na conducción ou mesmo como debe elaborarse un parte de accidente amistoso. Os rapaces e rapazas tamén puideron asistir a un "rolle playing", unha dramatización teatral improvisada relacionada cos conceptos que viran previamente nas aulas teóricas.

I Gala da Seguridade Viaria e outras propostas
Unha das novidades na programación do departamento de Educación Viaria da Policía Local foi a organización da I Gala da Seguridade Viaria, que se celebrou o 5 de xuño no Auditorio de Galicia coa participación de máis de 600 alumnos e alumnas de 4ª de Educación Primaria. Os nenos e nenos, que tiñan participado nas actividades de educación viaria, recibiron os seus diplomas acreditativos ao tempo que gozaron de representacións teatrais e improvisacións escénicas relacionadas coa temática. Ademais, entregáronse as bicicletas coas que foron premiados os rapaces e rapazas gañadores do Concurso de Debuxo convocado pola Policía Local.
A Policía Local tamén organizou ao longo do último curso outras actividades como a campaña "Sentádevos seguro, sentídevos seguros", na que a Policía Local informou ás nais e pais, a pé de rúa, sobre o uso correcto dos Sistemas de Retención Infantil. Esta actividade chegou a máis de 200 familias. Tamén destaca a campaña "Maiores máis seguros", na que participaron 120 persoas maiores en distintos centros socioculturais da cidade, e que aprenderon hábitos máis seguros para evitaren situacións de risco ou atropelos.

Promover a seguridade viaria desde a infancia
A Policía Local ven reforzando o seu programa de Educación Viaria por ser consciente de que a problemática da seguridade viaria aféctalle ao conxunto da cidadanía na súa vida cotiá. Por iso, épreciso ensinar hábitos para a protección e o coidado das persoas na vía pública e para organizar e ordenar o tráfico de vehículos desde idades temperás, para termos no futuro condutores e condutoras responsables. Cómpre que os nenos e nenas coñezan desde pequenos a súa contorna, os sinais de tráfico, os comportamentos seguros e a relevancia de respectar as normas.

Compartir: