TURISMO

Os establecementos hoteleiros de Santiago lograron no 2017 o seu récord de pernoctacións

25/01/2018 A cidade logrou o ano pasado un novo máximo histórico, con 1.459.130, superando o anterior record que databa do Ano Santo 2010. O bo comportamento dos datos turísticos apoiouse no crecemento constante do turismo internacional, que xa representa a metade da demanda da cidade.

Segundo o INE, o ano 2017 marcou un novo récord no número de pernoctacións nos establecementos hoteleiros da Santiago. O ano pasado rexistráronse na cidade 1.459.130 pernoctacións, superando en preto de 30.000 os resultados do último Ano Santo, cando se rexistraran 1.430.183.

O crecemento acumulado do ano 2017 foi do 6,37%, continuando coa tendencia positiva dos últimos anos. Este crecemento apoiouse especialmente no turismo internacional, que subíu un 12,03% e que continúa gañando peso na cidade ata representar xa a metade das pernoctacións que se rexistran nos establecementos hoteleiros da cidade. En concreto, o número de pernoctacións domésticas foi de 732.397 e o de pernoctacións internacionais foi de 726.733.

O ano pasado rematou con cifras moi positivas tanto en novembro coma en decembro, nunha sinal de que os esforzos encamiñados a desestacionalizar a demanda en Santiago comezan a dar resultados. No mes de novembro a subida foi do 23,56% e no mes de decembro foi do 19,17%.

Os datos de pernoctacións do 2017 están na liña dos máximos históricos que se conseguiron no aeroporto e no Camiño de Santiago. O aeroporto conseguíu superar por primeira vez na súa historia os 2.600.000 de pasaxeiros e pasaxeiras, gañando máis de 100.000 respecto do récord que se marcou no 2016, cando se superara por primeira vez a barreira dos dous millóns e medio.

Finalmente, tamén no Camiño de Santiago conseguiuse superar por primeira vez a cifra de 300.000 Compostelas entegradas, por riba mesmo dos datos do Ano Santo 2010. A cifra final foi de 301.006 persoas, das cales 168.541 foron dos mercados internacionais, que representaron xa máis do 56% do total.

Documentos relacionados



Compartir: