ACCIÓN CULTURAL

’Cranios Privilexiados ou crítica da razón perralleira’, o novo de Mofa e Befa, no Teatro Principal

18/01/2018 Con esta proposta ábrese a programación de Teatro&Danza da concellaría de Acción Cultural que ofrecerá ata xuño deste ano 26 funcións de 18 espectáculos diferentes. O xoves 25 ao remate da representación terá lugar a primeira #posfunción, a nova proposta deste ano para que o público intercambie opinión co equipo técnico e artístico.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, Mofa e Befa, presentaron esta mañá o novo espectáculo do dúo cómico ‘Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira’ que chegará a Compostela a vindeira semana. Na rolda estiveron presentes tamén Carlos Santiago, director e autor, e Jacobo Sutil, director de Agadic, quen apoia o espectáculo.

En Santiago haberá un total de catro funcións, do mércores 24 ao sábado 27, todas elas ás 20.30 h no Teatro Principal. Tras a representación do xoves 25, teremos a #posfunción, novidade do ciclo de Teatro&Danza deste ano que propón un debate entre público e equipo do espectáculo. Ademais, tamñen se convida a comentar todos os días a obra nas redes sociais coas etiquetas #posfuncion e #euvexoteatrogalego

"No perralleirismo atoparedes a verdade"
Mofa e Befa sométense a un duro exercicio espiritual poñendo en cuestión a súa propia filosofía escénica: o perralleirismo, unha filosofía baseada no principio de que todo problema ten solución, e se non a ten, non queda outra que inventala. Nesta incursión destemida nos camiños da filosofía, todo son preguntas. Será que se pode atopar unha resposta perralleira ás grandes preguntas da humanidade? Son os cómicos seres pensantes ou só o parecen? Hai vida antes da morte? Para que serve un concepto nunha comedia? Que é mellor, saber ou non saber o que fai a veciña do lado polas noites? Dispostos a solucionalo todo e armados cun simple biombo,
Mofa e Befa emprenden viaxe polo fascinante mundo das ideas onde serán asaltados e posuídos por todo tipo de personaxes: filósofos lucenses, domadores de circo anti-darwinianos, eremitas positivistas, cantantes sufís ou cobradores da luz con ideas propias sobre a teoría da relatividade. Un freak show de pensadores e pensamentos que non renuncia a comprender a realidade actual, por difícil que pareza. Dous cranios privilexiados á procura de respostas, dispostos a convencernos da validez do seu método: "No perralleirismo atoparedes a verdade".

Datos do espectáculo e venta de entradas
O espectáculo, recomendado para maiores de 13 anos, ten unha duración aproximada de 90 minutos e está dirixido por Carlos Santiago, sendo da autoría do propio Santiago e de Pepe Sendón. Protagonizado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, conta coa dirección de arte de Natasha Lelenco, o espazo lumínico de Octavio Mas, atrezzo de Marcelino de Santiago ‘Kukas’ e produción de Rubén G. Pedrero.

As entradas teñen un prezo de 12 euros, co desconto do 50% para os colectivos habituais (desempregados, maiores de 65 anos, xubiladas, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no 981 910 544, en entradas.abanca.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado, + días de evento, de 18.00 a 21.00 h).

Compartir: