ACCIÓN CULTURAL

A Concellaría de Acción Cultural ofrece 18 espectáculos no ciclo Teatro&Danza para este primeiro semestre

17/01/2018 Algúns dos espectáculos inclúen actividades paralelas como charlas, presentacións ou talleres e ponse en marcha por primeiro ano a #posfuncion para que os espectadores comenten o evento en directo tras algunha función e sempre a través das redes sociais.

O director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentou esta mañá a programación do ciclo Teatro&Danza para este primeiro semestre do ano acompañada da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. En total serán 18 espectáculos aos que hai que engadir a presentación ao público de cada unha das obras das compañías residentes na sala Agustín Magán. Ademais de actividades paralelas nalgún dos eventos, este ano o departamento presenta como novidade a #posfunción para que os espectadores comenten as funcións en directo e nas redes sociais.

Os espectáculos serán no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, ademais de na sala Agustín Magán (CSC de Santa Marta), e as entradas están á venta no teléfono e web de Abanca, así como no despacho de billetes do Teatro Principal.

Presenza estable de compañías galegas e selección da escena española e portuguesa
A programación de artes escénicas que hoxe se presentou ofrece 18 espectáculos cun total de 26 funcións. Trátase dunha proposta de calidade e diversa cun amplo abano de pezas de danza, música e teatro, que busca atender os intereses dun público tamén amplo e diverso. A escolma garda lugar para a comedia e o suspense, a reflexión e a subversión, e combina propostas para público adulto con outras pensadas para toda a familia. Apóstase por unha presenza estable de compañías galegas, moitas delas con varias funcións por espectáculo. Nese sentido, convídase ao público a sumarse a reivindicación do compromiso coa nosa cultura en redes sociais a través do uso da etiqueta #euvexoteatrogalego.

A mostra de espectáculos de compañías do país ábrese o 24 de xaneiro co novo traballo de Mofa e Befa, ‘Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira’, dirixidos nesta ocasión por Carlos Santiago, que é tamén autor do texto xunto a Pepe Sendón. O programa celebra o 30 aniversario da compañía compostelá Talía Teatro, que chega coa estrea dunha adaptación de ‘O Servidor de dous amos’, de Godoni, unha comedia irreverente. E convídanos a asistir tamén á outras novas propostas do teatro galego como ‘Resaca’ de IlMaquinario, ‘Casa O’Rei’ de IBuprofeno Teatro, ‘O conto da azuzaina’ de Limiar e ‘Pum Pum!’ de Baobab, que pecha o programa o 26 de maio.

Tamén poderemos ver dentro deste ciclo espectáculos potentes da escena española e portuguesa, con obras en moitos casos ligadas a temáticas actuais, nun convite á reflexión sobre realidade social e a aprendizaxe en colectivo. Así teremos ‘Me llamo Suleimán’ da compañía canaria Una hora menos; o ‘Oleanna’ de Pentación; a revisión de ‘Electra’ da Companhia do Chapitô; ou o último traballo de Leo Bassi. Tamén chegan á nosa cidade ‘Emilia. Mujeres que se atreven (Parte 1)’ de Teatro del Barrio ou Euria (‘Choiva’), unha delicia de espectáculo para os e as máis cativas que combina teatro e danza.

Lugar destacada para a danza
A nova programación outorga un lugar destacado á danza, especialmente nos meses de abril e maio. Precisamente a finais de abril, concretamente o domingo 29, conmemórase o Día Internacional da Danza e nesa fin de semana as salas do Concello súmanse á celebración desta arte. Poderemos ver os novos traballos de Janet Novás e de Entremáns, no Teatro Principal, e o novo espectáculo de Nova Galega de Danza, no Auditorio. A celebración esténdese ao mes de maio, con outros espectáculos como ‘Avalanche’, do coreógrafo Dani Panullo e ‘Bailar en hombre’ de Fernando López, que rachan coas formas pre-establecidas e os estereotipos de xénero presentes no mundo da danza.

Actividades paralelas e a #posfuncion
Desde a concellaría de Acción Cultural séguese a traballar no sentido de enriquecer a experiencia do público e ir máis alá da asistencia ao espectáculo. Así, realízanse actividades paralelas e proponse por primeira vez a #posfunción. En canto ás actividades, prográmanse obradoiros e presentacións que inciden no diálogo cos artistas e no fomento da relación entre públicos e creadores. Teremos un taller de danza con Janet Novás o 26 de abril, un de break-dance con Dani Panullo o 4 de maio e a presentación e debate arredor do libro "De puertas para adentro: disidencia sexual y disconformidad de género en la tradición flamenca", vencellada ao espectáculo ‘Bailar en hombre’, o 24 de maio.

En canto á #posfuncion, trátase de que ao remate de determinadas funcións se celebre unha conversa aberta con creadoras e artistas na que poder coñecer da súa man os pormenores da historia que se nos presenta e descubrir o proceso que conduciu á creación de cada peza. Ademais, convídase ao público a comentalas sempre nas redes sociais coa etiqueta #posfuncion.

Prezos e venta de entradas
Mantense a política de prezos económicos, que van dos 4 aos 14 euros, e con descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, estudantes, menores de 25 anos, maiores de 65, xubiladas, e familias numerosas e monoparentais. Ademais, os espectáculos que forman parte do ciclo Cultura en familia ofrecen un bono familiar de 4 entradas por 12 euros. As entradas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 981 910 544 ou no despacho de billetes do Teatro Principal de martes a sábado (+días de evento) de 18.00 a 21.00 h.

Residencias de creación artística na Sala Agustín Magán
A concellaría de Acción Cultural abriu, por segundo ano, a convocatoria de residencias de creación artística e estadías técnicas para a Sala Agustín Magán, situada no Centro Sociocultural de Santa Marta. Dirixida a compañías e creadores e creadoras de artes escénicas profesionais con sede en Galicia, ten como obxectivo dar apoio loxístico ao sector poñendo ao seu dispor este espazo público. Asemade, o Concello está a desenvolver unha política activa de fomento de novos públicos para as artes escénicas que implica a execución de actividades didácticas e de mediación. Neste sentido, solicítalle aos seleccionados e seleccionadas, a cambio deste apoio de residencia, que poñan en marcha algunha actividade de mediación coa comunidade local, así como a presentación da obra nun pase con público.

De xaneiro a xuño están xa pechadas residencias con Circo Chosco, Helen Bertels, Pistacatro Produtora de Soños, Berrobambán, Residencias Paraíso, Producións Excéntricas e María Move. O prazo está aberto para que se engada algunha máis nas poucas datas que quedan libres neste momento. Nos vindeiros días anunciaranse as datas das funcións abertas ao público e das actividades paralelas que ofrecerán estas compañías, completando así a programación de Teatro&Danza do departamento.

Documentos relacionados



Compartir: