TURISMO

Santiago consolida o seu crecemento turístico con novos récords en pernoctacións, no aeroporto e no Camiño

15/01/2018 En 2017 as pernoctacións superaron por primera vez a cifra de 1.400.000 nun Ano non Santo, o aeroporto acadou os 2.600.000 pasaxeiros e pasaxeiras e o Camiño de Santiago chegou ás 300.000 Compostelas entregadas. O bo comportamento dos datos turísticos apoiouse no crecemento constante do turismo internacional, que xa representa máis da metade da demanda da cidade.

O ano pasado, que continuou coa liña de crecemento do 2016, foi de novo un moi bo ano para o sector turístico de Santiago, segundo dixo a concelleira de Turismo, Marta Lois, nunha primeira valoración dos datos correspondentes a 2017 que fixo acompañada da xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Segundo apuntou Marta Lois, aínda que non están dispoñibles todavía os datos definitivos para poder facer unha valoración máis precisa, as cifras xa publicadas polas distintas fontes oficiais indican que no 2017 Santiago conseguiu novos máximos históricos nas principais variables que definen a demanda turística da cidade: pernoctacións, tráfico no aeroporto e Compostelas entregadas. A concelleira mostrou a súa satisfacción polos resultados "non tanto polos datos globais senón pola súa distribución ao longo do ano, que demostra que camiñamos cara a desestacionalización". Marta Lois incidiu en que "o obxectivo do Goberno é que o sector turístico medre, pero que medre ben, conseguindo maiores beneficios para a cidade por exemplo en termos dun emprego de calidade".

Ata o mes de novembro, Santiago sumou 1.392.754 pernoctacións. A previsión é que a final de ano, sumando as noites de hotel de decembro, se ronden o 1.450.000. Con estas cifras, 2017 convertiuse no primeiro ano non Santo no que se superan o 1.400.000 pernoctacións e mesmo se superaría o máximo histórico de pernoctacións, que se conseguiu no Ano Santo 2010, con 1.430.183. Santiago logrou gañar preto de 400.000 pernoctacións dende o 2012, que foi o ano no que a crise económica afectou dun xeito máis profundo á demanda turística da cidade.

A positiva evolución das pernoctacións na cidade apoiouse nos últimos anos no constante crecemento do turismo internacional, que no 2017 volveu marcar un novo récord absoluto superando por primeira vez as 700.000 pernoctacións. O turismo internacional non deixa de crecer dende o 2011, cando houbo 376.529 e apenas representaron o 33% do total. En só seis anos conseguíronse gañar arredor de 350.000 pernoctacións internacionais, que xa representan o 50% das noites de hotel na cidade.

O aeroporto logrou superar por primeira vez na súa historia os 2.600.000 pasaxeiros e pasaxeiras, gañando máis de 100.000 respecto do récord que se marcou no 2016, cando se acadou por primeira vez a barreira dos dous millóns e medio. A pasaxe do aeroporto no 2014 fora de 2.083.873, polo que en apenas tres anos gañouse máis de medio millón de usuarios, cun aumento que se apoiou especialmente no crecemento do tráfico nas conexións internacionais directas.

Finalmente, a concelleira destacou tamén que no Camiño de Santiago superouse por primeira vez a cifra de 300.000 Compostelas entregadas, por riba mesmo dos datos do Ano Santo 2010. A cifra final foi de 301.006 persoas, das cales 168.541 procedían dos mercados internacionais, que representaron xa máis do 56% do total.

Fitur
A concelleira de Turismo apuntou que en 2018 "seguiremos traballando na mesma liña de promoción da cidade, apostando pola internacionalización do destino sen esquecer o mercado doméstico". Nesa liña, lembrou que esta semana "Santiago e Incolsa estaŕan presentes en FITUR, cunha ampla axenda de reunións con profesionais do sector". Xa están pechados encontros do traballo con profesionais de Frankfurt, Berlín, Munich, Milán, Chicago, Sao Paulo, Nova York, Wakayama, Singapur, ou Pekín, entre outros. Ademais, está prevista unha presentación de Santiago no stand de Galicia, que correrá a cargo do alcalde.

Martiño Noriega participará tamén nas actividades que vai desenvolver en FITUR o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. As máis salientables serán a presentación da programación do 25 aniversario do grupo, o xoves, e a presentación do Plan de Acción 2018 con Turespaña, o venres. O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade aproveitará tamén a Feira de Turismo de Madrid para renovar o seu convenio de colaboración con Paradores, e para celebrar unha reunión da súa Asemblea de Alcaldes. Por último, o Grupo repetirá unha campaña de promoción que xa impulsou en anos anteriores, pola que sorteará agasallos e pernoctacións entre as persoas que visiten os stands de todas as cidades patrimonio en FITUR.

Documentos relacionados



Compartir: