TRANSPORTES

Máis frecuencias para as conexións entre a cidade e Lavacolla

26/12/2006 Os veciños de Lavacolla poderán beneficiarse de mellores tarifas no transporte grazas ao protocolo asinado polo Concello e a empresa Freire, segundo anunciou o concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga. A Xunta de Goberno aprobou un acordo que permitirá á súa vez o incremento das frecuencias entre a cidade e o aeroporto compostelán, que pasarán agora a 26 en cada sentido de luns a venres e a 11 os domingos e festivos. Ademais, existe o compromiso de seguir incrementando estas frecuencias segundo a demanda.

"Con este protocolo completamos os acordos con distintos operadores de transporte interurbano e satisfacemos unha demanda dos veciños de Lavacolla para obter os beneficios propios do transporte urbano", apuntou o concelleiro. Así, establécese uns sistema de bonificacións que permitirán aos viaxeiros habituais beneficiarse de mellores tarifas.

En consonancia co sistema de Transporte Metropolitano, ao que a empresa Freire está adscrito, o Concello financiará o importe da diferenza do billete ata a cantidade de 0,67 euros da que se benefician os usuarios destas liñas. Deste xeito, nos bonos ordinarios, a viaxe custaralle ao viaxeiro 0,55 euros, mentres que nos bonos escolares o prezo resultante será de 0,40 euros. Para pensionistas e xubilados a viaxe o servizo é de balde.

A cambio desta contraprestación, a empresa Freire aumentará as conexións da cidade co aeroporto de Lavacolla. De luns a venres haberá inicialmente 25 frecuencias en cada sentido, e 10 sábados, domingos e festivos. Existe o compromiso dunha frecuencia máis en cada un dos períodos, e tamén o do aumento das frecuencias en función da demanda. O servizo comezará a funcionar a finais de xaneiro.

Compartir: