OBRAS E FACENDA

Avanzan a bo ritmo os investimentos dos orzamentos participativos do exercicio 2017

11/01/2018 O concelleiro de Medio Rural e Reequilibrio Territorial, Rafael Peña, e a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deron conta hoxe do estado dalgúns proxectos dos orzamentos participativos do 2017. Os edís explicaron o estado das obras dependentes da Concellaría de Medio Rural, como a pavimentación do campo da festa de Marrozos, a senda peonil e os accesos ao Lamas de Abade e o proxecto de mellora da accesibilidade en Fontiñas. En total supoñen un investimento de 325.000 euros.

María Rozas insistiu na importancia do proceso de orzamentos participativos como "unha das liñas estratéxicas deste Goberno, que permite que a cidadanía se empodere e elixa que actuacións quere que se leven a cabo no seu barrio". A concelleira de Facenda tamén quixo "facer pedagoxía" co proceso de tramitación destas obras que, "a diferenza dos investimentos que propoñen os departamentos municipais, estes teñen unha tramitación máis longa ao carecer de proxecto, ter que reunirse coas persoas propoñentes para perfilar detalles ou comprobar a viabilidade técnica".

Campus educativo en Lamas de Abade
As dúas propostas máis votadas da zona urbana sueste no proceso de orzamentos participativos do 2017 foron precisamente dúas relacionadas co Campus educativo en Lamas de Abade: unha delas relativa á construción dunha senda peonil que conecte o colexio coa Escola de Hostalería e outra para a mellora dos accesos.

Rafa Peña explicou que ambas actuacións "foron moi respaldadas no proceso de votación pola comunidade educativa e mellorarán a accesibilidade da zona". Así, a finais da primavera completarase o traballo realizado ao longo do inverno nos accesos a Lamas de Abade, cunha actuación que ascende a 125.000 euros. Antes estará executándose o proxecto de conexión peonil do CEIP Lamas de Abade e a Escola de Hostalería. Acondicionarase unha senda cuberta, integrada no entorno, que permita un acceso seguro e en condicións dignas para o alumnado do CEIP Lamas, e que sirva tamén para mellorar e complementar as dotacións dos espazos próximos ao parque anexo aos centros, servindo como unha área de refuxio e lecer nos días con climatoloxía menos favorable. Isto permitirá que os nenos e nenas dese centro que se desprazan diariamente á Escola de Hostalería para facer uso do servizo de comedor, o poidan facer na mellor das situacións.

Con este proxecto non só se realizará esta conexión entre os centros, senón que se mellorará tamén a conectividade do colexio co polideportivo.

Accesibilidade nas Fontiñas
A mellora da accesibilidade nas Fontiñas, foi a segunda proposta máis votada na área urbana nordeste, cun total de 487 puntos. A proposta inicial consistía en achaflar as beirarrúas en todos os pasos de peóns ou zonas de paso da rúa de Dublín, un proxecto que foi "ampliado para realizar unha actuación máis integral", explicou Rafa Peña.

O concelleiro anunciou que estas obras se iniciarán en primavera e permitirán "pacificar o tráfico nesta rúa", ao mesmo tempo que se "mellorará sensiblemente a accesibilidade da zona". Instalaranse tres pasos de peóns elevados, ampliaranse zonas de beirarrúas polo gran fluxo peonil da rúa e faranse pasos de peóns e enlaces accesibles.

Vai mellorar a accesibilidade da zona, que ten moito fluxo peonil polos centros educativos. Instalaranse tres pasos de peóns elevados, ampliaranse zonas de beirarrúas e faranse accesible pasos de peóns e enlaces.

Marrozos
A obra máis avanzada é a que está a levar a cabo Obras y Viales de Galicia no campo da festa de Marrozos, unha das propostas do rural máis votadas pola veciñanza da zona. Ten un orzamento próximo aos 60.000 euros e consiste na "ampliación do campo da festa da parroquia para cubrir a totalidade da parcela". Rematouse xa coa adecuación de pendentes do campo e estase a rematar a pavimentación da nova explanada con pezas de granito que veñen a substituír o material actual de terra. A maiores protexerase o arborado existente e melloraranse os accesos.

Seguridade do proceso
A preguntas dos medios de comunicación, María Rozas amosou a súa "satisfacción" polo arquivo da investigación aberta pola Axencia Estatal de Protección de Datos tras detectar a empresa concesionaria dos orzamentos participativos unha serie de altas anómalas. María Rozas asegurou que "no seu escrito, a AEPD vén a darnos a razón do que levamos dicindo dende o minuto un". A concelleira indicou que "sempre dixemos que fora o propio sistema de control o que detectara as altas irregulares e o que permitiu que detectáramos o erro", e engadiu que "os nosos controis son correctos e queda demostrado que non se incumpriu a Lei Estatal de Protección de Datos".

Compartir: