ALCALDÍA E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Martiño Noriega reivindica a USC como clave para a fixación de coñecemento e riqueza en Compostela

10/01/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, asistiron esta mañá á xornada do Comité Directivo Final do Proxecto SOLA: SpinOff Lean Acceleration, do que forma parte a Universidade de Santiago xunto coa Universidad Autónoma de Madrid, a Universidade do Porto (Portugal), a Universitá della Calabria (Italia), as brasileiras Universidade de São Paulo e Universidade Estadual de Campinas, e as colombianas Universidad de Antioquia, e a Universidad EAFIT de Colombia.

O alcalde reivindicou no seu discurso o "papel da nosa Universidade, que é catedral do coñecemento e cinco veces centenaria, para fixar coñecemento e riqueza na cidade". Martiño Noriega fixo fincapé en que a USC conta "cos mellores expedientes e é unha das mellores universidades do Estado, e por iso é preciso que se dea continuidade á inversión feita". Nese sentido, o proxecto SOLA busca que as administracións educativas sirvan de acelerador de spin-off e start-ups como incubadores de empresas.

Pola súa banda, a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, lembrou que "non é a primeira vez que dende o Concello acompañamos iniciativas coma esta", e engadiu que "no 2018 elevamos o noso compromiso en apoio a Uninova para seguir captando fondos e ter proxectos importantes para Compostela".

Impulso en 2016
En 2016 impulsouse dende o Concello, Universidade, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Asociación Universidade-Empresa para o desenvolvemento TEC Minho e a Asociación Industrial do Minho un programa que buscaba potenciar un modelo de desenvolvemento económico competitivo no entorno global actual e sostible no tempo, cun modelo produtivo de calidade. Tratouse do Spin&Up, un proxecto que ten como obxectivo crear unha comunidade transfronteiriza Galicia-Portugal baseada na colaboración entre universidades, incubadoras empresariais, asociacións empresariais e concellos. Tamén pretende fomentar a creación de pemes de base tecnolóxica que respondan ás necesidades reais do entorno, e mellorar o emprego e as capacidades das infraestruturas existentes a nivel local para a transferencia de tecnoloxía.

Compartir: