CONSORCIO

O prestixioso trompetista venezolano Pacho Flores toca por primeira vez coa Real Filharmonía de Galicia, coa que estreará unha obra súa

08/01/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos. O primeiro terá lugar o xoves 11, na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres, a orquestra desprazarase a Vigo, onde tocará no Teatro Afundación, tamén ás 20:30 horas. E o sábado ofrecerá un concerto no Palacio da Ópera da Coruña, ás 20:00 horas. A batuta levaraa o mestre venezolano Manuel Hernández-Silva, colaborador habitual da RFG e actual director titular e artístico da Orquesta Filarmónica de Málaga.

Estes concertos suporán o debut do prestixioso trompetista venezolano Pacho Flores coa RFG. Formado no Sistema de Orquestras Xuvenís e Infantís de Venezuela, obtivo o Primeiro Premio do Concurso Internacional Maurice André, o certame para trompeta máis importante do mundo. Entre outros moitos recoñecementos, recentemente foi galardoado coa Medalla de Ouro dos Global Music Awards.

Como solista, actuou con orquestras de Suecia, Finlandia, Alemaña, Ucraína, Rusia, Francia, Estados Unidos, México, Venezuela, Xapón, China, Israel… e con varias agrupacións españolas. Ofreceu recitais en salas tan afamadas como o Carnegie Hall de Nova York, a Sala Pleyel de París ou a Opera City de Tokio.

É director fundador da Academia Latinoamericana de Trompeta en Venezuela e invitado habitual dos conservatorios de Finlandia, España, Francia, Xapón e Latinoamérica; e como xurado permanente en recoñecidos concursos internacionais. É un ávido promotor da música contemporánea e fai importantes achegas tanto á execución como á interpretación da trompeta. Artista da Casa Stomvi, toca instrumentos fabricados exclusivamente para el por esta afamada firma e participa activamente nos desenvolvementos e innovacións dos mesmos.

Estrea absoluta de Cantos y revueltas
Pacho Flores interpretará tres obras á trompeta. Así, as actuacións de Santiago, Vigo e A Coruña comezarán co Concerto para corno da caccia e cordas do compositor checo Johann Baptist Georg Neruda (1708-1780), unha peza escrita para ser interpretada con trompeta natural, instrumento antecesor da trompeta moderna. A continuación, o público poderá gozar coa aria da Bachiana brasileira nº 5, do compositor brasileiro Heitor Vila-Lobos (1887-1959).

A intervención do trompetista venezolano concluirá coa estrea absoluta dunha obra súa, Cantos y revueltas. Nesta ocasión estará acompañado polo tamén músico venezolano Leo Rondón, que tocará o catro, un instrumento de música popular orixinario de Venezuela, similar a unha pequena guitarra de catro cordas.

Tal como indica o seu autor, esta obra de estrea está ligada ao "patrimonio universal herdado grazas á mestizaxe". Nesta liña, explica que a peza está inspirada nos antigos cantos de traballo, traídos polos cabestreiros españois, herdados dos pastores árabes; e nas revoltas, danzas populares venezolanas. "Quixen expresar a esencia e o perfume destes cantos e bailes populares, iso si, sen necesidade de desprenderme da miña propia realidade artística e sen desmerecer o xogo actual da sociedade neste século XXI. É por iso que estes cantos ou coplas de traballo e estas fugas revoltosas teñen un toque de modernidade na proposta harmónica e na inclusión de ritmos actuais de jazz e salsa", sinala.

Máis obras latinas
Os concertos continuarán con Redes Suite, do compositor mexicano Silvestre Revueltas (1899-1940). E concluirán coa obra Danzas del ballet Estancia, do arxentino Alberto Ginastera (1916-1983).

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co trompetista Pacho Flores, co cuatrista Leo Rondón e co director Manuel Hernández-Silva. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: