NADAL

O Concerto de Reis da Banda Municipal e da Escolanía da Catedral poñen punto final á programación de Nadal

06/01/2018 A programación de Nadal de Compostela chega ao seu fin mañá domingo e faino da man da Banda Municipal de Música e da Escolanía da Catedral, que encherán de música o Teatro Principal no Concerto de Reis.

Estarán dirixidos por José Luis Vázquez López, director da Escolanía da Catedral, e Casiano Mouriño Maquieira, director da banda, e interpretarán o seguinte repertorio: Weihnachts ouvertüre, de O. Nicolai; A Christmas Carol Fantasy, de T. Hoshide; Vois sur ton chemin, de C. Barratier e B. Colais; Dúbula, de S. Hatfielf; Celtic child, de B. Appermont; The Lord bless you and keep you; de J. Rutter; Oye, de J. Papoulis; El tamborilero, tradicional; Campana sobre campana, tradicional; Fum, fum, fum, tradicional; e Hai un amigo en min, de R. Newman. A cita, ás 12:00 horas no Teatro Principal.

Actividades que continúan
Dúas das actividades da programación de Nadal continúan ata finais do mes de xaneiro. Son a pista de xeo e a exposición De tendas: o comercio, emblema dunha cidade.

A pista de xeo, situada no Paseo Central da Alameda, estará aberta ata o 28 de xaneiro de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h (só centros escolares) e de 16:30 a 22:00 h (público xeral) e os sábados e domingos, de 11:00 a 22:00 h. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivo de 22:00 a 2:00 h.

De tendas... é unha exposición fotográfica, situada na Sede Afundación. Achéganos aos espazos seleccionados en 2017 como comercios emblemáticos da cidade de Santiago de Compostela polos membros da Mesa de Comercio. O horario de acceso ao público é de luns a domingos, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada é de balde.

Compartir: