NADAL

Ilusións, maxia e lendas na chegada dos Reis Magos a Santiago de Compostela

05/01/2018 As rúas de Compostela acolleron a tradicional Cabalgata de Reis, que este ano tivo como eixo temático "A maxia das lendas". Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron desta vez acompañados de trasgos, fadas e mouras, enchendo de ilusión esta noite máxica para nenos e nenas.

Como é habitual, os Reis Magos chegaron a Santiago en tren. Dende a Estación de Ferrocarril, onde as súas Maxestades foron recibidas por músicos e paxes, a comitiva real, integrada por unhas 450 persoas, percorreu as rúas de Compostela ata chegar á praza do Obradoiro.

Xunto aos Reis desfilaron personaxes de contos e lendas como a Maruxaina, a cerva Aldara, os nubeiros, as avelaíñas, os biosbardos, as fadas, as mouras ou os faunos. Os pequenos e pequenas viron mares cheos de peixes e fragas encantadas, paisaxes que axudaron a recrear unha estética marabillosa chea de luz e cor, que se foi intercalando coas maxestosas carrozas reais.

Tampouco faltaron a música, a danza ou as panxoliñas destas datas, que fixeron cantar e bailar a todas as familias que se achegaron a recibir os Reis en Santiago de Compostela. En total, desfilaron 25 combos artísticos de diferentes temáticas acompañando as sete carrozas.

Outra das peculiaridades desta Cabalgata foi a elaboración de música orixinal para o inicio e remate da cabalgata feita polo artista Pulpiño Viascón. Ademais, repartíronse 2.000 quilogramos de caramelos sen glute e aptos para alérxicos ao longo do percorrido.

A Cabalgata, participativa e inclusiva un ano máis, rematou no Obradoiro, onde os Reis Magos foron recibidos polo alcalde, Martiño Noriega, e pola Corporación municipal, ao son da música da Banda Municipal. A continuación, os nenos e nenas presentes na praza escoitaron o discurso real, xusto antes de pasar persoalmente a saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar no salón nobre do Pazo de Raxoi.

E mentres agardaban a súa vez, pequenos e pequenas puideron gozar dun espectáculo de música, danza e acrobacias aéreas.

Direccións relacionadas



Compartir: